SÁHARA

Neste grupo de vellos “rockers” (poéticos) no que me integro, sentíndome como peixe na auga, chamado “A los cuatro vientos” (hai libro publicado por Ariadna), figura un poeta saharaui, Limam Boicha. Nado en Atar (Mauritania). País que se repartira con Marrocos (hoxe o Sáhara Occidental pertence por enteiro a este país) un territorio que debera ser nación independente, deixado por España no momento preciso en que as cartas históricas estaban boca enriba e o Sáhara era bocado apetitoso para a monarquía feudal de Hassan II. Quen soubo envidar cunha pericia que nos deberá poñer a cara de vergoña.

Limam, Bahia, Zahra, son algúns dos saharuies enviados polos ventos da diáspora a eidos alleos aos seus. Na esperanza de poder voltar algún día. Mentres en Tinduf (Alxeria) siguen agardando toda esa boa xente saharaui a que a Historia sexa xusta con eles. No interín, eis o motivo desta columna, agardan, en petición asinada por un grupo cada vez maior de amigos vencellados a tan xusta causa, que o Instituto Cervantes dispoña sede alí onde o idioma español sigue sendo elemento de comunicación, xunto coa lingua propia, para quen foran parte de España.

Sería moi triste que o erro terrible cometido cos saharauies non tivese tan sequera esta reparación. Nun terreo tan afectivo (mesmo efectivo) como é o do idioma. Limam, Bahia, Zahra, e moitos de nós con eles, piden cousa tan elemental. Oxalá, palabra ben árabe, que se cumpra.

SÁHARA

Te puede interesar