Un partido do século

|

O mércores 10, xogouse o enésimo partido do século. Anque perdeu este encontro, a eliminatoria para pasar á final da Champións, gañouna, como non podía ser doutro xeito, o Real Madrid porque foi o que puxo máis millóns sobre o céspede, que ninguén pense noutra cousa. Antes de encomezar o partido, como aperitivo, algaradas ás portas do Vicente Calderón, carreiras e cargas da policía ante disturbios, con varios feridos entre os ultras dun e doutro equipo e o que é peor, algúns axentes magoados. Seica a salsa do fútbol, para quentar o partido. Lamentable espectáculo, semella que aplaudido e non sei eu si potenciado, dalgún xeito, polos mesmos clubs.
Xa dentro do estadio, preto de cen mil seareiros dispostos a contemplar o encontro. No terreo de xogo vinte e dous homes, atletas, millonarios, mercenarios, cracs e aínda xenios para algúns, odiados e admirados segundo o punto de vista de cada quen, todos eles en calzóns gañando cartos a patadas. Máis da metade dos considerados titulares son estranxeiros. Alí onde destaca un destes fenómenos, hai cartos a esgalla para facerse cos seus servizos, trinta, cincuenta, ...oitenta millóns, os que fagan falta, que aquí non doen prendas. 
O paradoxo é que ao mesmo tempo que mercamos os futbolistas máis caros do mundo, somos o país de Europa co maior índice de paro, con máis de catro millóns de desempregados que queren traballar e non atopan traballo. Se analizamos o que cobra un destes cracs, (un deses que segundo frase de Alfredo Di Stefano naceu cunha flor no cu), e facemos unha sinxela conta podemos ver que cobra, (négome a dicir que gaña), dúas mil quiñentas (¡¡2500!!)* veces máis que un mileurista que é a especie que máis abonda no noso país. E iso sen contar as primas por partido gañado ou empatado, por gol marcado ou por consecución de obxectivos, Liga, Copa, Champions.etc. 
E por riba o negocio das camisetas e outros ingresos por imaxe que non son moco de pavo. Con estes datos fagan números e cabréense comigo vendo o que acada este home cada mes, cada día, cada hora, cada minuto e cada segundo.
Non me estendo máis que xa sei que a moita xente non lle acae moi ben que se escriba deste xeito arredor do fútbol. Agora a esperar o vindeiro partido do século e a seguir, xogadores e adestradores chupando da canoa.
Tampouco son quen de deixar aquí o meu prognostico, ¡que me poden excomungar!.
*A cifra base deste cálculo, deducidos os trabucos que paga o club, é unha media da información extraída de Internet.

Un partido do século