Fala pobo fala

Nestes intres, cando vostedes estean lendo estas liñas, estará o pobo falando con esa conversa silenciosa que representa o feito de depositar unha papeleta nunha furna, un xesto que individualmente non comporta moito pero que en conxunto é transcendente. 
Elixir a aqueles que van decidir perante catro anos sobre as nosas vidas e facendas non che é calquera cousa e haberá xente que prefira o malo coñecido, que as cousas segan como están, namentres outros desexarán o bo por coñecer, un cambio para que as cousas vaian mellor. Como en todo, o éxito acádase case sempre asumindo certos riscos.
Pero denantes de camiñar en dirección as furnas tivemos quince días dun bombardeo constante de consignas, de aluvións de propostas, de mitins e debates, e presenciamos, como xa algúns politólogos prognostican, os derradeiros estertores dun bipartidismo que se prometía eterno porque non contaba coa presenza de dúas novas propostas sólidas en intención de voto que vaian vostedes a saber se ao final non aspiran tamén a converterse nun novo bipartidismo. O tempo o dirá, pero non cabe dúbida que o panorama de aquí en adinte se presenta atractivo, cando menos interesante, porque o exercicio político no futuro non vai ser cousa de dous, senón coral.
O debate final da campaña amosou ata que punto o bipartidismo esmorece, foi como se as dúas opcións que se alternaban ata o de agora na responsabilidade de gobernar se estiveran despedindo ensinando os dentes na distancia curta, coma se fose un combate de boxeo corpo a corpo, botando man das tácticas máis sucias en presenza dun árbitro que non dixo en ningún momento “break” para separar aos contendentes. En resumo; exceso de golpes baixos e pouca esgrima limpa, un debate que non conseguiu despexar moitas dúbidas naqueles que aínda as tiñan. Os seareiros non terán incertezas e votarán aos seus equipos favoritos xoguen como xoguen, e os que ven o partido desapaixonadamente, os que non se deben a unha disciplina partidista, decidirán os apoios logo dunha reflexión  o máis ponderada posible. Poucas horas quedan para despexar a incógnita na que so hai unha seguranza: que ninguén vai gañar por maioría e é aí precisamente onde radica o atractivo destas eleccións :nos apoios que cada partido trate de alcanzar para acadar a gobernabilidade necesaria.
No ano 1977 gravei un disco LP co título xenérico de “Lembranzas” no que incluía un tema, Fala Pobo, dedicado a aquelas primeiras eleccións nas que, con certa ilusión, tíñamos a posibilidade de elixir aos nosos representantes no parlamento, do que saquei o encabezamento desta “mirada”. Agora estou a escoitalo con certa nostalxia, coa perspectiva que da o tempo transcorrido e aínda atopo nesa canción algo de vixencia co que acontece agora e coa recomendación que se facía a todos aqueles que estaban felices coa oportunidade de votar: Fala pobo, fala/vota pobo, vota/ pero non votes/ a quen che explota. Pois iso: que vostedes voten con sentidiño.  

Fala pobo fala

Te puede interesar