MALA SORTE

Imaxinen que, por un casual, o veciño do quinto dereita deixa de pagar a cota da comunidade de propietarios do edificio onde reside. Coñezo algún caso pero ó noso redor debe haber un lote deles e non, precisamente, a raíz deste roubo xeneralizado e organizado que se empeñan en chamar crise. Agora pensen en como o tratarían o resto dos membros da comunidade. Pensan que, a non ser que os impagos fosen froito dun inesperado problema, o autor dos mesmo ía ser tratado co cariño de sempre? A min cústame moito traballo crelo. O habitual –diría tamén o normal– sería, como mínimo, que a veciñanza procurase non atoparse con el ou que lle retirase todo tipo de trato incluído o saúdo. Iso imperando a educación máis exquisita, porque tampouco sería raro que algún propietario, ou grupo de propietarios, decidise, ademais, meter o caso no xulgado, desacreditalo aló onde puidese e outras cousas polo estilo. E nada diso sería síntoma de falta de civismo. Porque, eu así o entendo, non o é e ningún dos supostos. O curioso é que o habitual é que se chegue a eses extremos cando os males derivados da “estafa” do veciño non pagador nos afectan moi directamente. Tanto máis se a comunidade ten que afrontar uns gastos para os que carecen de liquidez por mor do mal do propietario residente no quinto dereita. Acontecería o mesmo se os habitantes dun edificio soubesen de que outro veciño, o do dúplex, estafaba ó erario público cantidades moi superiores ás que deixaba de pagar o do quinto dereita? Non lle falarían? Poñeríano a caldo aquí e/ou acolá? É probable que non, a pesar de que os males derivados desta actuación traen maiores problemas a todos e a cada un dos veciños do edificio e ó conxunto da sociedade que padecemos. Sería posible que houbese quen lle dese ánimos se o suposto estafador tivese problemas coa xustiza? Non o teño moi claro, se ben me inclino a pensar que no mellor dos casos se eludiría o tema. Isto é, non se faría manifesto o desprezo pola actuación reprobable, mais tampouco se retirarían saúdos ou se divulgarían os feitos. Non creo que os visen como heroes, como aconteceu en tempos cos grandes narcotraficantes, pero tampouco como delincuentes. Mais fagamos unha extrapolación. Cando en outubro de 2014 saltou o escándalo das tarxetas black ou opacas apareceu entre os usuarios das mesmas o nome de Francisco Javier López Madrid -logo figuraría tamén na Operación Púnica-, coñecido empresario madrileño (Grupo Villar Mir, OHL, Ferroatlántica...) e membro, ademais, da Fundación Princesa de Asturias, como conselleiro que fora de Caja Madrid e Bankia. Nestes días pasados o xornal electrónico eldiario.es daba a coñecer os textos dun chat presumiblemente intercambiados o día 15 de outubro entre dona Letizia Ortiz Rocasolano e don Javier López. No primeiro deles a raíña, como puidemos ler, dicíalle ad pedem litterae: “te escribí cuando salió el artículo de lo de las tarjetas en la mierda de LOC y ya sabes lo que pienso Javier. Sabemos quién eres, sabes quiénes somos. Nos conocemos, nos queremos, nos respetamos. Lo demás, merde. Un beso compi yogui (miss you!!!” ó que o empresario –con faltas de ortografía, xa que non coloca un acento– responde: “Os lo agradezco mucho. En el futuro extremare el cuidado,vivimos en un pais muy dificil y sere aun mas consciente”. Se esas mostras de solidariedade das máis altas instancias do Estado cun presunto delincuente son moi preocupantes, aínda mo parecen máis algúns dos termos empregados por don Javier. Que quere dicir con “pais muy dificil”? Pensará en que non é totalmente doado cometer tódolas falcatruadas imaxinables con total impunidade? Se cadra, para el, sería o desexable. Non o sei. E que me din dese “En el futuro extremare el cuidado”? A min sóame a que pensa seguir actuando do mesmo xeito. Non hai para nada un sinto o que pasou, descoñecía a gravidade do asunto ou algo semellante que supuxese un algo de exculpación. Pero xa ben que non. O único malo é que o pillaron nas troitas e que xa se apañará para que non o volvan coller.   Mais ó pouco... apareceu a Púnica.
 

MALA SORTE

Te puede interesar