“Poderoso caballero”

|

Dicía Quevedo nunha das estrofas da súa coñecida letrilla satírica “Poderoso caballero”: “Es tanta su majestad, / Aunque son sus duelos hartos, / Que aun con estar hecho cuartos / No pierde su calidad. / Pero pues da autoridad / Al gañán y al jornalero, / Poderoso caballero / Es don Dinero”. Os versos, como sabemos, datan de comezos do s. XVII, mais, utilizando outras palabras sen adulterar o sentido, poderían parecer de antonte mesmo.

Pois non falaban en nome do poderoso cabaleiro os que pretendían que se xogasen partidos de fútbol profesional a porta pechada cando xa se suspenderan o resto das competicións? A detección dun caso de coronavirus entre o plantel de xogadores profesionais do Real Madrid -parece que de baloncesto- semella que foi o detonante que motivou a lóxica suspensión que se viña reclamando desde diferentes instancias. Unha delas o Deportivo, que, no comunicado que sacou o pasado martes, consideraba que a medida apropiada que debían tomar os clubs e a Liga era a de non disputar partidos de ningún xeito. 

Aplaudín, como non, esa proposta, mais non podo facer o mesmo coa decisión de manter a celebración da Xunta de Accionistas convocada para o próximo martes 17. Nada garante que o número de aistentes vaia ser inferior aos 500 fixados onte mesmo pola Xunta de Galicia. Xa que logo, o aconsellable é adiar a asemblea. Outra, como me dicía un bo amigo, vén ser como dicir: “Para preservar la salud de los accionistas, deléguenme las acciones”. Poderoso caballero?

“Poderoso caballero”