Conciencia social

Como non son persoa das que se alegran dos males alleos -malia que estes afecten a xentes que actúen ou teñan actuado de xeito ruín- o normal é que perda o fío de casos, pendentes de resolución xudicial, que no seu día ocuparon lugares destacados nos medios informativos. É por iso que onte me chamou a atención ler, na primeira plana do noso Diario, a nova de que a Fiscalía pide 32 anos de cadea para Ana Duato e 28 para Imanol Arias por fraude fiscal. Se hai uns días alguén me tivese preguntado en que quedara a cousa aquela dos presuntos delitos económicos cometidos co uso de sociedades instrumentais tería que lle ter respondido que non o lembraba, como así era, aínda que non sexan tantos os anos transcorridos nin as cantidades presuntamente defraudadas sexan cousa menor. Porque deixar de pagar por riba ou ao redor de 2 millóns de euros non é ningunha tontería. Son, sen ir máis lonxe, cifras superiores aos meus ingresos de 25 anos de catedrático de Universidade, que non é, precisamente, un traballo mal pagado de todo. Considero que casos destes, que hai moito máis dos que nos enteramos, constitúen, sen dúbida ningunha, unha estafa en toda regra ao conxunto dos cidadáns deste Estado chamado España que se sostén coas achegas que temos que facer todos e todas. Todos e todas, non só os parvos e as parvas, que é como moita xente cualifica aos que cumprimos coas nosas obrigas e coa legalidade vixente. Porque entre nós, por desgraza, non está suficientemente mal visto a fraude fiscal, a evasión de impostos. Unha boa parte da poboación ata o ve como normal. Como viaxo con frecuencia a Portugal observo como en todos os lugares onde consomes che expenden o correspondente recibo de caixa. Iso si é normal. Entre nós, pola contra, é moi habitual non facelo, e paréceme que non se trata dunha cuestión ecolóxica relacionada co gasto de papel. Iso ten outro nome: fraude. Non é o mesmo que o outro, naturalmente, pero moitos pequenos xuntos fan unha grande e hai que evitalas todas. Non esquezamos que nos dicionarios ao uso estafa e roubo aparecen como sinónimos de fraude, e eses vocábulos entendo que xa non están tan ben vistos socialmente. Se cadra, agora que están en marcha reformas educativas, non sería mala cousa ir introducindo nas escolas as denominacións deste tipo de condutas.

Acabar coa fraude é fundamental. E para iso débense sancionar adecuadamente as pequenas e as grandes estafas. Con todo, penso que nestes casos as condenas de prisón non resolven nada. As fortes sancións económicas estou certo de que si.

Que todas e todos gocemos dun fermoso día de reivindicacións de igualdade real para homes e mulleres.

Conciencia social

Te puede interesar