As redes sociais

|

Non serei eu quen negue as vantaxes das chamadas redes sociais amplamente utilizadas hoxe en dia, sobre todo pola xente nova. Sen embargo compre falar das eivas que tamén as teñen, como se desprende do artigo publicado no XL Semanal do pasado domingo, 13 de maio, asinado por Carlos Manuel Sánchez baixo o título de “La conciencia de Slicon Valley”, (un centro de tecnoloxías punta situado ao norte de California nos EEUU). Fala o escritor e periodista, das desvantaxes de Facebook, Google, Instagram... etc. creados co único afán de gañar diñeiro sen ter en conta a parte negativa, que a teñen, e moi grave. Estas novas tecnoloxías crean adiccións moi dificiles de superar, explotando as “vulnerabilidades psicolóxicas da xente” (Sic). É sintomático que moitos directivos restrinxan o acceso dos seus fillos aos móviles.
Executivos, científicos e traballadores arrepentidos, preocupados e anoxados polo monstro que teñen creado, están a abandoar as súas compañias, propoñendo solucións, botando man da Ética para reverter o proceso mediante medidas legais e creando unha conciencia pública coa necesidade dunha autoregulación. Fáise necesario rediseñar os productos poñendo a tecnoloxía ao servicio da humanidade e non ao revés como está a suceder. Falando en roman paladino, que as industrias tecnolóxicas pensen máis nos usuarios e un pouco menos nos beneficios.
Existe xa a nivel mundial unha certa alarma ante o desencanto dos usuarios das redes sociais o que leva a plantexar solucións para controlar o deseño das novas tecnoloxías, basandose en que esta é unha cuestión ética de primeira orde. Fálase da intervención nos procesos de filósofos que fixen as reglas as que deben aterse os deseñadores dos teléfonos móviles e mesmo os propios usuarios
Penso eu que como todo xira arredor do vil metal, as novas tecnoloxías teñen a obriga de invertir máis cartos en solucionar os problemas dos que estamos a falar, aínda que esto redunde nos costes/beneficios finais. De non facelo así, corren o risco da aparición de empresas paralelas que sairán ao paso enfrontandose coas empresas deseñadoras. Hai unha frase no artigo que non fai máis que aumentar a inquietude do que está por vir, de cara ao futuro. Ven a dicir nada menos que os problemas expostos non atinxen só as redes sociais senón que a Intelixencia Artificial, que avanza de xeito exponencial, é aínda máis inquedante. ¡Que Deus nos colla confesados!
Eu pola miña parte, para fuxir das noticias falsas, das manipulacións, da falta de privacidade e dos escádalos inherentes as redes sociais, estou a considerar seriamente  darme de baixa de Facebook, onde me acabo de iniciar da man da miña neta Candela.

As redes sociais