A dobre vara de medir

Fixeron falla 17 persoas mortas e 1.400 feridas, a metade delas por balas, nas mobilizacións do pasado venres en Palestina, para que algúns medios e gobernos considerasen desproporcionado o axer do exército israelí. Mesmo así non son poucos os medios que falan de enfrontamentos, como se houbese algún equilibrio entre ambas partes. Quérese xustificar con construcións retóricas a desproporcionada actuación militar contra persoas desarmadas, cuxo único delito é o de se opoñer á ocupación ilegal do seu país. Seguramente os mortos e feridos seguiran a aumentar nos vindeiros días, xa que o Goberno israelí ameaza cunha resposta máis dura, para impedir as mobilizacións da Marcha do Retorno que dura ate maio, cando se proclamou o Estado de Israel. Os feitos coincidiron co Día da Terra, no que se lembra a morte, o 30 de marzo de 1976, de seis árabes que se opuñan á confiscación de terras por parte de Israel.
Os Estados Unidos vetaron, máis unha vez, a condena polo Consello Seguridade das Nacións Unidas da violencia israelí contra o pobo palestino. Unha postura que é contraditoria coa que manteñen respecto de Siria, onde realizan todo tipo de acusacións contra o goberno sen probas, ocupan militarmente parte do país (ilegalmente), e arman a oposición. Mais, na práctica, entre ambas as actitudes hai un fío condutor, xa que Israel, o seu socio privilexiado, protexe na fronteira as zonas controladas polo integrismo armado, xogando un papel vital na defensa dos intereses rexionais de Washington. O pasado ano, António Guterres, secretario xeral da Organización de Nacións Unidas, indicaba que as forzas israelís daban apoio na fronteira a grupos terroristas, como a Fronte Al-Nusra, mantendo contactos e axudándolles a coordinar accións armadas. 
A decisión de Trump de trasladar de Tel-Aviv a Xerusalén a embaixada dos Estados Unidos, significa un aval ás teses que defende o sector máis retrogrado da sociedade israelí. Máxime se lle engadimos a construción de novas colonias en territorio ocupado. Tampouco se pode obviar que Arabia Saudita e os Emiratos Árabes non valoran como prioritario este tema, o que favorece as políticas de Washington. Agora ben, mesmo tendo en consideración a división da movemento de liberación palestino, a mobilización social pode superar as previsións. E dado que o único método que coñece Israel para tratar o tema é a represión, esta seguirá a deixar como saldo unha morea de persoas mortas e feridas, sepultando solucións e fortalecendo a confrontación. 

A dobre vara de medir

Te puede interesar