Drama camuflado

Á vista de como se lle van poñer as cousas a millóns de xubilados (ou reformados, bonita palabra que empregan os portugueses), non sei se non sería boa cousa ir pensando en artellar algún sistema de morte plácida e digna que lle permita abandonar o mundo a quen así o desexe. Non digo de xeito nin urxente nin inmediato, mais si de analizar as posibilidades, de vagariño, desde xa. O que está confirmado é que no 2014 as pagas van incrementarse un 0.25%, algo ridículo comparado coa suba do IPC que iniciará o ano con arredor do 3%.
O incremento, en realidade, supón un brutal decaemento. Iso veno ata os máis parvos, non sei se os nosos maiores devotos do PP e de don Mariano, que van ser os afectados. Se non o viron xa o verán. Un ano de cativa e miserenta suba –malia todo o poder adquisitivo que este colectivo leva perdendo nos últimos– pode resultar asumible. Unha nova carga pero... O problema é se na mente da ministra rociera está fixado prolongar nos próximos anos ese 0.25% que vai ser o incremento mínimo anual mentres estea vixente a lei.
De ser así, a cousa vaise complicar moito e é cando van empezar a aparecer os suicidios. Non hai máis que ver os dos desafiuzamentos. Para que quero vivir nesta merda, neste “estado de bienestar”? E estes suicidios adoitan formas violentas. Non é moi agradable pegarse un tiro na boca cunha pistola ou rebentar o peito cunha escopeta.
Botarse á marea sen saber nadar ou poñerse na vía do tren ou chimparse pola xanela, por suposto que tampouco. E que dicir de pendurarse, práctica moi común na nosa comarca, aínda que baixou moito o número de casos? É por iso que cómpre impedir estas nada fantasiosas hipóteses.
O adecuado sería tomar o asunto en serio, considerando que nesta situación o primeiro sería o de garantir o poder adquisitivo. O contrario é todo fume de palla. Mais o que dicía ó comezo de facilitarlle á xente unha morte digna e plácida, na camiña e ben abrigadiña, non é ningunha brincadeira. Para que alongar o sufrimento? Non son as políticas do estado as que levan a xente a situacións desesperadas? Pois se non podemos resolverllas –que estaría por ver– cando menos para que marchen. Vai ser, “una pensión menos y una ración más”. E isto que estou escribindo -que nalgún momento pode soar a frívolo- non o é en absoluto.
Onte vin nunha cadea televisiva unha posta en escena de dona Fátima sobre este asunto. Estaba acompañada da vicepresidenta do PP, señora de Cospedal. Ambas ben peiteadas, roupas de “pensionista”, adobíos variados.
Cando acabou a súa exposición a señora ministra, dona Dolores desfíxose en loanzas do labor desta, todo entre risas e felicidade: “Qué buenos somos”. Parecía que estaban falando do último desfile de Dior en vez dun drama de moi graves dimensións.

 

Drama camuflado

Te puede interesar