O GASTO

Hai unhas datas, o ministro Montoro avanzou a posibilidade dunha modificación do Código Penal, que inclúa a redacción dun novo tipo normativo que describa as condutas daqueles cargos públicos que gasten máis do establecido nos orzamentos. De este xeito, trataríase de evitar as graves consecuencias que xa estamos sufrindo nas nosas economías. Supoño que falaba dun novo tipo penal de carácter especial, pois o xeral de malversación de caudais públicos xa está contido na nosa lexislación penal.

Paréceme unha idea moi axeitada, se ben debe describirse con absoluta concreción, pois non todo desfase orzamentario nin toda débeda pode considerarse por igual. En primeiro lugar, débese identificar ao suxeito do delito. Políticos si, pero tamén debe incluír aos altos funcionarios que coas súas sinaturas ou omisións permiten estas desfeitas. Non esquezamos que un expediente administrativo de gasto debe ser sempre aprobado polos servizos de intervención da administración de turno. Pero tense que detallar, para maior seguridade xurídica dos actores participantes, a conduta en si.

Tampouco se pode gastar en infraestruturas mal estudadas e planificadas, como está a pasar cos aeroportos

Non é o mesmo acudir á débeda para financiar unha obra de inversión pública, a cal xerará a medio e longo prazo unha riqueza para o entorno na que se executa, que gastarse os cartos nun convenio coa “asociación de amigos do platanito pelado e o guanche despelotado”, poño por caso. Non é o mesmo.

Pero tampouco se pode gastar en infraestruturas mal estudadas e planificadas, como está a pasar cos diferentes aeroportos que se construíron en España nos derradeiros anos: Castellón, Cidade Real, Badaxoz, etc. E non funciona ningún. Mentres, o AVE galego está sen rematar ou o Porto Exterior de Ferrol sen acceso por ferrocarril.

Acudir ao remedio punitivo pode ser un freo que limite desacertos futuros, pero non remedia o dano xa causado. Existen outras medidas legais que coadxudarían a unha mellor planificación das infraestruturas. O Estado debe recuperar competencias exclusivas das CCAA e facer investimentos cunha visión estritamente nacional. O tema dos aeroportos é de libro, pero hai outros.

O GASTO

Te puede interesar