COHEN

Volve, con cáseque oitenta anos, Leonard Cohen, fabricar un disco de altísimo nivel. Non unha mera recriación de cousas vellas ou escola de manierismos. Cohen, xeneroso e artista, en contina procura de si mesmo, ven de poñer na rúa un asunto espléndido que se chama “Old Ideas”. E no que só, ou acompañado de outros, Patrick Leonard, maiormente, desenguedella un fedello máxico no que a súa voz, con murmurio de mar rouco, é fondo e tona para un mangado de cancións espectaculares.

E digo isto consciente de que a discreción e aínda, o minimalismo é o que priman nesta entrega de Leonard Cohen. Que non soamente non desmerece as anteriores senón que as complementa. Temas como “Going Home”, “Amen” ou “Lullaby” ficarán na historia do “rock”, entendendo este de maneira ampla, por máis que a súa fonte estea no “blues” purísimo que Cohen nado en Canadá en 1934, educado literariamente aos peitos de Lorca, segundo confesión propia, revitaliza a través dunha concepción tan sutil como posmoderna.

Logo está que Leonard Cohen é poeta grande, de maneira que os seus textos (traducidos para a ocasión, con graza e libertade por Joaquín Sabina) teñan un seu aquel dramático, tenro, poderoso. Para o caso todo o mesmo. Volveu gravar Leonard Cohen, e os seus “fans” estamos de noraboa. Tamén todos os que anseian desfrutar da beleza. Moitos máis do que o ruido ambiental fai supoñer. Fáganse un favor, escoiten “Old Ideas”.

COHEN

Te puede interesar