VACACIÓNS POLÍTICAS

O persoal empregado no goberno galego, a saber, conselleiros e deputados, ademais de cargos para abaixo, van pasar o tempo de vacacións dedicados a ler, pasear e gozar da compañía de familiares e amigos. Isto é sospeitoso. Non me fío dos políticos románticos que son quen de cambiar un solpor á beira do mar, co aburrido que é, por unhas cañas de cervexa ou por rascar a barriga en pantalón corto. O único aproveitable do seu planeamento ocioso é que quedarán en Galicia, polo menos algún carto investirán no consumo local e non levarán os euros a lugares exóticos, polo que se sabe. Algún friqui da política comunicou que dedicará o tempo libre a estudar. Debe ser que non se aplicou o suficiente durante o curso que ten que ir a setembro.
Ningún deles ten pensado viaxar por Galicia, para ver como vive o corpo electoral ou realizar un safari fotográfico polas vilas e aldeas autóctonas envoltas en celebracións de festas piratas ou degustacións de touciño frito. Quedan desculpados porque as eleccións europeas xa obrigarán a ir de mitin en mitin polas agrupacións locais a falarlles do tax lease aos veciños de Palas de Rei ou da cota do leite no barrio de Monte Alto.
Unha vez coincidín cun destes políticos no estranxeiro. Na hora do almorzo alí estaba el, na actualidade sen posto sobresaliente,  e outro máis, agora chamado a alto cargo moi ben pagado, pero daquela un concelleiro normal e corrente, aínda que guerreante na oposición. Segundo me dixo estaba alí de verdadeiras vacacións posto que pasara un días de veraneo nas localidades onde descansaba a cúpula do seu partido, así que fixera unha viaxe de coidado para render vasalaxe á dirección da súa formación, supoño que para garantir o seu posto de traballo na política.
O goberno galego ocupara as rías baixas para non ser menos que Rajoy, aínda que poderían ir á Mariña lucense en plan de dinamizadores turísticos ou a outros lugares galaicos de extremada beleza, pero que non saen nas guías turísticas. Os políticos da oposición deberían dar exemplo e irse uns días a unha aldea, das que están en vías de extinción, integrarse entre os aborixes e participar nas súas tradicións e costumes, para que se vaian coñecendo entre eles, porque non hai nada que máis una aos galaicos que compartir unha sesión vermú ás tres da tarde bebendo baixo a carpa dun toldo a 35 graos de temperatura. Calquera sabe que iso é un pacto de sangue para un galego e traducido á política, votos seguros de por vida, e se ademais se lanza a uns bailes polo campo da festa xa ten garantida a elección do candidato municipal.

VACACIÓNS POLÍTICAS

Te puede interesar