CONFIEMOS NAS VINDEIRAS XERACIÓNS

Xuntos.
Sen himnos, sen bandeiras,
abramos as fronteiras.
Loitemos pola paz

Os infindos ollos máxicos do deus Internet transmiten a través das xélidas bágoas das persoas que fuxen das guerras. 
Indecente, inhumano o que os gobernos da Gran Europa, covardemente, están a facer con quen busca amparo. Que pronto esquecemos o pasado! Papel mollado, coma tantos outros os acordos da Convención de Xenebra. Vendemos e mercamos vidas de persoas tal se foran xénero de feira. Que abaixo caeron os nosos gobernos e nós con eles. 
Pechar fronteiras, erguer aramados abandonando á súa sorte e deportar a milleiros de persoas enfermas, cansas e desesperadas debería ruborizar, se tiveran unha migalla de vergonza, ás autoridades responsábeis. 
Inadmisible e irresponsable acordo inhumano. Pechan as portas da liberdade e abren as das mafias ao estraperlo humano, espertando aos cachorros do antigo “fascio” que sempre durmiron cun ollo aberto, agardando que a Democracia fraquee para estableceren réximes totalitarios. Inxusto mundo. Guerras, exterminios, insoportable contaminación, fame, miseria, epidemias, acérrimo egoísmo de poder, corrupción desvergonza política… Como é posible que chegáramos a sermos tan animaliños?
Avanzamos ou recuamos. Aquí a incógnita. E pretenden buscar vida noutros planetas, para se a houbera, posiblemente destruíla como se está a facer na Terra. 
Arrodeados hoxe que estamos desa superintelixente tecnoloxía de máquinas que semella chegan doutras galaxias, a nosa vida, incluso a íntima, está controlada (disque) para sermos máis libres, traballar menos e estarmos máis seguros. Máis seguros, de quen? Agora, intelixentes que somos –homo sapiens sapiens s. XXI– estamos prisioneiros dos nosos propios inventos. 
Ogallá me equivoque, pero o camiño polo que transita tan avanzada civilización, esquecendo a milleiros de refuxiados que fuxen da morte para atopárense outra vez con ela en Europa, nesa Europa da que agardaban, tan sequera, comprensión e axuda e só atoparon desprecio, lévame a crer que imos de novo ás cavernas. 
Namentres o Homo-Ego, poderoso avarento espoliador, goza escravo da súa propia codicia e vaidade en palacio revestido de ouro, suor, bágoas e sangue dos sometidos explotados cidadáns arrastrando de salón en salón cadeas de mala conciencia, sen poder conciliar nin coa propia sombra. 
Lesbos e Idomeni: lodo, chuvia, frío, fame, inseguridade, medo, violacións, corpos medorentos faltos de amor de milleiros de homes, mulleres e nenos que fuxindo de guerra so pretenden refuxio na Gran Europa, fannos recordar os campos de concentración de Dachau e Auschwitz.
Algún día os responsábeis de tanto xenocidio por medio de guerras, escravitude, miseria e fame serán xusgados por crimes contra da humanidade. Tamén aos firmantes do acordo do 18 M (2016) UE –Turquía, no que é moito máis importante o diñeiro que as persoas. A gran maioría de cidadáns sentímonos avergonzados por tanta fraqueza e inhumanidade dos políticos que nos representan. 
Estamos desviando tanto a traxectoria do ser humano que están desaparecendo os valores máis fundamentais de convivencia polos que o conxunto de cidadáns debemos transitar. 
A ciencia e a tecnoloxía avanzando (desa maneira), mentres máis da metade da poboación mundial malvive entre a absoluta miseria e desapiedado avandono, entretanto os gobernantes marionentas do gran capital, miran sen ver cara ao Sistema Solar e non se decatan que a Lúa está no punto máis baixo do seu devalar. Tanta altiveza faise noxenta. 
Séino, amigo Sidre, que a Terra non variou as velocidades de rotación e traslación, nin tampouco xira ao revés de como o facía antonte. Somos nós, as persoas, quen camiñamos demasiado a presa e as que mal xiramos, sen nos decatar que a humanidade se desintegra a pasos de xigante e facemos ben pouco para mellorar o grave problema.
Agardo que as novas xeracións actúen con sensatez e intelixencia dentro dun sistema político social convativo –só coas armas da palabra, as outras para nada bo serven– para recuperar os dereitos máis fundamentais desta sociedade en crise permanente. Para sermos un pouco máis felices… 
Dende hai uns días observo as golondrinas zigzagueando pola comarca ferrolá. É boa sinal. Chegou a primavera.
 

CONFIEMOS NAS VINDEIRAS XERACIÓNS

Te puede interesar