Conta Vicente Risco falando da fin do mundo que no centro da terra existe un mundo moito meirande e máis fermoso do que este mundo que nós habitamos. Nel viven uns homes de grande tamaño e mulleres crueis que, non querendo dar o peito aos seus fillos, bótanos a un monte, onde viven comendo ervas. O Anticristo ha nacer desta liñaxe. Sairá ao mundo pola boca dun volcán que há veira do Teixo, e crearase alimentándose dos peixes do río. Esta semella unha das lendas que teñen a ver co mundo sotarrego, ben abondosas en terras céltigas e xermánicas e vencelladas ao mito grego dos titáns e ao Rei do Mundo. Dende logo a fin do mundo virá polo lume. Todo há rematar nun incendio universal.
Así falava Risco en recuados tempos de abondosas e limpas augas! Hoxe tralo inferno dos lumes intencionados e as mafias por destapar non podemos por menos que acreditar nestas lendas etnográficas. Os dioivos de auga e de lume están figurados no Arco da Vella coas cores azul e vermella. O Ragnarok escandinavo e o sapo a subir e baixar nese simbólico ciclo da auga pola árvore da vida que mantén o caroso ter ter do universo.
Tamén fálanos Risco do envelenador de fontes ao que os labregos chamavan Lambirón. Évos o lambirón un forasteiro descoñecido, un estrano que anda polos campos, seca os millos e amera as colleitas. Algunha vezes, tamén envelena as fontes. É este un personaxe mítico no que os labregos autosuficientes dos tempos risquianos non afiuzavan, pouco afeitos aos de fóra, cando non viñan con espada escribana ou sotánica. E como os labregos saben dos ciclos naturais e da importancia da auga na vida perseguían con saña a todos aqueles que crían lambóns ou envelenadores e apropiadores das augas.
Non en van, as augas eran a entrada ao alén, povoadas por infindos seres maraviollosos aos que temer ou louvar.
Boto en falla que o lambirón aparece nos diccionarios e non o atopo nin no de Franco Grande. Si leo neles palavras coa mesma raíz como lamber, lambido e lambuxo. Lamber non é só degostar, pasar a lingua ou louvar demais senón tamén despoxar, roubar, tirarlle algo a alguén. E esta é a acepción da que deve vir o lambirón como envelenador de fontes.
Disque os lambiróns coñécense por falar linguas alleas, raras nestas terras. Non falan pois galego e de seguro que cando o fan, fano mal, coma eivados polo que axiña vése que non son de aquí anque o remeden. Parece que este mito dos lambiróns ou envelenadores de fontes foi unha mítica nacida ao abeiro da peste negra do século XIV. Na Europa chamabanlle semeurs ou sementadores. Propagavan o andazo, a mantenta, botando nas augas uns pos, bubas dos apestados, ou untavan as portas das xentes. No século XIX, en Madrí, pasou outro tanto co cólera, e causando a matanza de frades que, vai ti saber por que demo, cría o povo que foran os envelenadores.
Outravolta, chegou a Ferrolterra o Lambirón. Visitou a estación de augas de Catabois. Algúns vírono pola Emafesa, a empresa concesionaria. Disque tampouco coñecía a nosa lingua e que tivo que se defender cun traductor simultáneo deses que mudan os Sobrados dos Monxes en Deváns e desmáns de conselleiros de culturas.
Parece que desta xeira ninguén o viu botando os pos penzoñentos ás augas e que vai ti saber canto hai que anda de turismo termal por estes pagos!. Algúns galegos retranqueiros, que aínda sobreviven como un raro endemismo, eran a dizer nos parladoiros da patria, isto é, nas baiucas, tascas e furanchos que o lambirón non actuaba só, que era un mandado ou sicario, que traballava por horas en precario para as concesións e altor cárregos e instancias divinas, que tamén andava a cobrar recibos porta por porta, que era parente da augas das ras da terra da auga dos spots...e eu que sei cantas barballadas máis que se escoitan entre viño e viño á calor do verao máis seco da historia!
Vender vendeuse toda auga almacenada nas tendas da bisbarra. A xente botouse á rúa a pelexar polas garrafas dun líquido que havía tempo que non se prezaba tanto! Os andeis ficaron baleiros ás poucas horas. E os vellos, que saben máis por vellos que por diaños, duvidavan de que o lambirón acabara de chegar a estas terras e que non levara aquí xa ben anos para nos matar ten con ten, sen nos percatar.
Algúns resilientes, souberon se afazer a esta situación de seca obrigada e non viron nela máis ca un prefacio do que vai vir, da guerra da auga, que xa é máis ciencia que ficción, e aproveitaron para tirarlle pedagoxía ao asunto, coidando de fechar a billa con máis atención ou incluso lavándose por paróquias. Moi irmandados co resto do planeta onde as guerras son máis de auga que de gas, petróleo, coltan, diamantes... e demais riquezas cobizadas polos lobos dos lobbies.
E agora o encoro das Forcadas volve a nos alarmar cunha abondosa enchenta de cianobacterias que disque son cianotóxicas.
A ver cando nos escreve nos xornais un biólogo experto nestes lambiróns modernos para nos acalmar un algo os nervos cada vez que abrimos a billa! Porque,, respeitados xornalistas, cianobacterias tampouco vén nos diccionarios enxebres e non todo o mundo é quen de wifear nos buscadores ou enxergar o que este din.
O grego kyanos, do que vén cian, expresa a ideia de azul, que era unha cor moi tranquilizadora por ser a cor do mar e do ceo, mais só para os nosos devanceiros que non viviron a contaminación do ar nin das augas froito da concepción capitalista da auga, non como un ben universal e esgotavel, senón como a máis prezada mercadoría coa que provocar masacres e holocaustos (e senón que llo pregunten aos saharauis, palestinos, somalíes...). Así que agora cian e azul xa non son tan acougadores. Cianobacterias sóanos a cianuro e cianose, esa cor azulada da pel e das mucosas por mor dunha insuficiente osixenación do sangue.
E agora que vamos xuntos a celebrar a Compostela o Día da Patria (algúns precisan que lles engadamos aquelo de Galega, porque aínda séntense coa lingua bífida e o corazón partido ou en sospeitoso degrau), agora digo, non está de máis cismar un pouquichiño, cun copo de auga pura na man, sobor da auga e as orixes, sobor das raigames nosas e os minerais diluídos nelas. Sobre a soberanía dos povos e dos seus recursos naturais e as súa culturas e linguas. Sobre a falsía do universalismo ou cosmopolitismo das almas transnacionais.