Festa do Pan de Neda

Din que é bo o pan de Neda,
eu digo que si tamén…


E se o digo porque é ben certo, non só por quedar ben. Como dende hai vintecinco anos, o vindeiro domingo 1 de setembro celebrarase en Neda a XXV edición da Festa do Pan, singular acto de carácter gastronómico-cultural institucionalizado e consagrado ao que acuden ano tras ano centos de persoas desesoxas de pasalo ben e saborear excelentes productos panadeiros, farturentas viandas do xantar e compartir coas familias nedenses un bo día de festa na fermosa vila de historia e futuro, dentro dun entorno meigo na beira da embocadura do río Xubía, mesmo alí onde se dan a man, como bos veciños que son, os concellos Narón e Neda.
“Coce coce panadeira, / nunca deixes de cocer, / que os moletes que ti coces / un a un vou eu comer”. Este ano a Festa do Pan terá máis motivo de ser, xa que a corporación municipal que preside o doutor Ignacio Cabezón Lorenzo conseguíu que fose declarada de Interese Turístico. Noraboa á corporación, aos panadeiros e aos veciños por este recoñecemento que para Neda, terra relacionada co pan dende hai centos de anos será unha ventaxe, cando menos social, xa que unha concesión de visto bo da Xunta de Galicia avalará a calidade do pan e a categoría da festa.
“Roxe o vento en Marraxón, / abrígate panadeira / que o mozo que en ti soña / agárdate na ribeira”. O pan, ese alimento imprescindíbel, foi introducido en España polos celtíveros no s. III a.C., por tanto xa era coñecido cando os romanos chegaron á península Ibérica. A Organización Mundial da saúde aconsella que o consumo ideal de pan debería ser de 250gr. por persoa e día. O pan é alimento necesario para a saúde e non produce obesidade senón se abusa del. Falo do pan natural e non de sucedáneos ou compostos sen control.
Medio quilo de pan equivale a 250 kcal. e engorda menos que unha lata de refresco, claro que se acompañando ao pan vai un prato de callos, o sopeteo no prebe e tal e que sei eu, acaba estirando a tripa.
O pan é un alimento enerxético fonte de proteínas, vitaminas, minerais e fibras, necesario na alimentación diaria. Dende tempos inmemoriais foi alimento básico para os pobos, a destacar dende o punto de vista do seu valor nutritivo. E non falemos dos diferentes tipos de empanada galega, bola de ovos, proia, biscochada, ou tartas larpeiras. Mais, quen é o larpeiro, as tartas, ou nós?... Bo proveito.
“Forneira de corpo mozo / que coces doces e pan. / Aló pola media noite / cantos xa no forno irán?” Para falar do pan ninguén mellor que unha, ou un panadeiro, anque debo dicir que non son totalmente inexperto na materia. Lembro como se fose hoxe sendo neno, poucos anos despois de deixar o peito materno, antes de vestir o primeiro pantalón de home e sentirme atraído por outros peitos, alá na casa dos meus pais na fermosa e tranquila Barallobre cando os paxaros aínda cantaban e anidaban no lugar dos Loureiros ao abeiro da Pena do Castro, daquela cando os veciños eramos unha familia. Eu axudaba a cocer –mais ben estorbaba– pois anque non tiñamos forno público contabamos con dous; un no interior da vivenda e outro fóra. Dentro un pequeno que cocía un ferrado de pan para a familia e outro no exterior con máis capacidade que era de parceiros, no que cocían familias da veciñanza.
Ao remate da fornada sempre chegaba a miña recompensa: un pequeno boliño cun corrosco no curuto feito coas raspas da masa que arrapañaban cunha espátula de madeira na artesa de amasar e que cocían despois da fornada principal. O boliño quente acabado de saír do forno e con leite fresquiño da vaca Marela, era manxar de deuses.
Dende épocas idas co tempo ata hoxe, Neda é terra de forneiros, principalmente dende o s. XVI no reinado de Felipe II, concretamente no ano 1588 cando se instalaron os chamados  Fornos de Provisión, Reais ou Fábrica de Biscoitos. Xa no século XX e seguindo os coñecementos dos antepasados tivo e ten Neda profesionais panadeiros de indiscutíbel saber e categoría que elaboraban un pan de calidade e bo sabor. Hoxe, sen poder dicir que é o mesmo pan, si digo que é un bo pan.
Quen se resiste a pasar por Neda e non mercar algún producto panadeiro? Quen indo de viaxe fóra da comarca non vai na compaña, para ben quedar, dunha empanada, proia ou bola de ovos.
Sen para nada, desmerecer aos excelentes panadeiros da comarca, digo que o pan de Neda ten algo especial, no sabor, na calidade e na presencia. Elas, eles panadeiros coñecerán o segredo, se o houber. Penso que este fermoso e cálido verxel que emerxe entre o Xubía e o Belelle axuda moito.
“Que bueno es el pan de Neda, comíendolo con jamón. Arriba la bota (bis) y el garrafón” . Cantiga popular da comarca ferrolá. E eu engado: Con xamón ou calquera outro compango.
Fáiseme a boca mel agardando a Festa do Pan.  Ese día e calquera outro, benvidos a Neda.

 

Festa do Pan de Neda

Te puede interesar