Atrapados no romanticismo

Se hai un estilo musical que nos achegue á melancolía este é o románticismo xurdido no XVIII e que chega á primeira mitade do  séculoo XX, coincidente cunha tendencia proclive á nostalxia, a un sin vivir ancorado na turbulencia anímica provocada polo mal de amores, polos desexos inalcanzables, pola  branca palidez, por un elevado idealismo... e pola tuberculoses. Un panorama, visto desde fora, bastante desolador pero que os románticos vivían e quizais vivan con intensidade. Se tivesemos que nomear unha superestrela do romanticismo musical teríamos que dicir Chopin porque nel reúnense todas as cualidades que definen  este xeito de expresión, e foi el precisamente quen nos visitou o pasado mércores a través das mans do pianista Mario Prisuelos xunto a outro romantico galego diante do que teríamos que quitar peito: Marcial del Adalid, que compartiu con Chopin certas similitudes expresivas. Foi o do pasado mércores, todo hai que dicilo, un concerto atípico pola mestura do verbo mesmamente didáctico e a música. Non é frecuente que nun concerto o pianista se levante do asento e glose a figura e obra do compositor. É posible que parte do público agradecera a reivindicación que fixo sobre Marcial del Adalid, excelente compositor galego, un orgullo para todos nós, pero iso semellaba máis axeitado para unha clase no conservatorio ou conferencia que para un concerto dedicado ao “piano romántico” no teatro Jofre.  A Mario Prisuelos témoslle que agradecer o seu traballo como valedor do excelente músico coruñés  e do afán que está a emprender para que este sexa máis coñecido e valorado, un músico que algúns chegaron a denominar o “Chopin español”, un compositor do que moitos só saben que tén unha rúa  na Coruña . Recentemente Prisuelos gravou para o selo Universal o CD: “Adaliz, el piano romántico” que coloca ao músico galego no catálogo sonoro de músicos importantes. A música de Marcial del Adaliz e de Chopin foron da man nun concerto pausado, sosegado, no que as notas fluían a modiño alimentando o noso lado sensible, nostálxico, romántico, deixando albiscar por momentos a turbulenta e explosiva carga emocional que atormentaba ao compositor. Romanticismo en estado puro. Mario Prisuelos regalou un bis ao público: a “Danza del Fuego” dun dos máis grandes compositores españois, Manuel de Falla. Ovación pechada e fin dun mércores romántico. De novo é necesario resaltar o labor da Sociedade Filharmónica  Ferrolá a prol da música na cidade. Parabéns.

Atrapados no romanticismo

Te puede interesar