A UE é un fracaso

O propio presidente da Comisión, Juncker, recoñece que a Unión Europea é un fracaso, e que se pode esfarelar, de non se aplicar o plano dos refuxiados, evitar a saída do Reino Unido, non ter unha política exterior e un exército común, e non continuar afondando nas medidas neoliberais. Entre elas, a aprobación do CETA e o TTIP. Deste xeito mete presión a aqueles gobernos que piden máis tempo para facer cambios, ou se resisten a poñer en práctica medidas que teñen un rexeitamento frontal da poboación. 
Juncker, e a cúpula da UE, na súa valoración, só teñen en consideración os intereses das corporacións. Analiza a situación en termos macroeconómicos e de competencia entre potencias para, con esta cortina de fume, procurar a complicidade ou acadar unha actitude pasiva por parte de dun sector considerábel da poboación. 
O rexeitamento está plenamente xustificado, porque coa leria de que a globalización é irreversíbel, xa que seica sería unha evolución lóxica do avance científico técnico, e que non existe  unha alternativa viábel, asistimos a unha regresión dos salarios, servizos públicos e do modelo fiscal. Todo en beneficio exclusivo dos máis ricos e dunha franxa estreita das chamadas clases medias. Nunca as diferenzas de ingresos entre nacións e entre clases sociais foron tan grandes. 
Os apoloxistas do sistema agochan que todo intento de desenvolver modelos alternativos, autocentrados e máis xustos no social, foron esmagados utilizando a especulación financeira, o control dos medios, e cando fixo falla, a intervención política e mesmo a invasión militar. 
Aínda así, o confronto entre potencias, a desigualdade, os límites dos ecosistemas e dos recursos primarios, están poñendo data de caducidade a tanta cobiza e barbarie. Daquela que nesta conxuntura sexa difícil saber se ficamos a un paso de globalizalo todo, destruíndo identidades, especies, a pequena empresa e os dereitos sociais e laborais, ou se camiñamos cara a balcanización. 
En ambos casos, non se garanten economías sustentábeis e sociedades máis xustas. Iso só será posíbel con pobos organizados, mobilizados e con proxectos que rexeiten a explotación e a opresión.

A UE é un fracaso

Te puede interesar