Onte celebrouse en Navantia un acto de presentación das actividades que se van realizar, con motivo do aniversario da fundación da Escola Obreira, que tivo despois como continuadora a Escola de Aprendices de Bazán. Eu asistín como invitado, pois que entrei na Bazán en 1952, formando parte dun grupo de 110 rapaces, que comezabamos a nosa vida como traballadores. Asistiron autoridades militares e civís, que escoitaron moi interesadas á exposición de motivos e das actividades a desenvolver e, ás breves intervención de varios representantes daquelas escolas, algunhas cargadas de emoción, ante a lembranza dunha Empresa e dunhas escolas irrepetibles. En xeral, todos coincidiron na importancia da formación profesional e humana que recibíamos os rapaces, destacando a solidariedade e a satisfacción polo traballo ben feito. Esta última característica aínda sobrevive en Navantia, o que lle permite figurar como unha empresa punteira na construción naval.