“PÚBLICO”, O SÍNTOMA

Acrise global ten un efecto especialmente grave cando analizamos o seu impacto sobre os medios de comunicación. E de maneira máis mortal sobre a prensa escrita. A caída do diario “Público”, que deixa na rúa a 160 profesionais, non é senón o síntoma e a constatación desa realidade. Como antes o foran, concretándoo só nas cabeceiras de difusión diaria, o peche de “Galicia Hoxe” e de “Xornal de Galicia”. O que os máis dañinos, brutais e refinados métodos contra a tarefa de transmitir sen trabas a veracidade dos feitos nunca conseguira ata agora, non só en países con reximes totalitarios ou autoritarios senón tamén en democracias supostamente consolidadas, está acadándoo a crise.

Son varias as vías de auga que provocan naufraxios como o do diario que en tan só catro anos vida, e tendo que abrirse paso por entre unha paisaxe mediática atomizada, foi quen de constituirse nun referente do alternativo. A oferta máis diferenciada no mapa español de prensa escrita, maioritariamente supeditada a unha estratexia de dominio que tanto contribuiu á acumulación de poder, institucional e fáctico, nas mans da dereita. Empezando polos procesos de progresiva e imparable darwinización ou selección natural que o mercado da comunicación e o negocio da información se encargan de executar. Con alborozo entre cantos, podendo elixir, optaron por asimilar o mandato neoconservador que pexa todo canto fai de nós cidadáns libres, canxeándoo por todo o que nos reduce a vulgares consumidores. Velaí os movementos concentradores, case sempre de carácter multimediático, que deixan ao Kane de Orson Wells nunha simpre anécdota á carón dos Murdoch actuais.

A crise económica acelera esa progresiva aminoración e desnaturalización do pluralismo empresarial e ideolóxico. Forza a reformulacións no interior dos grupos mediáticos, impoñendo modelos de negocio e de produción informativa adaptados aos gustos dos consumidores, canto máis masivos mellor, o que leva a facer da prensa escrita a vítima propiciatoria, derivando a escasa publicidade existente para a televisión e a escasa e preguiceira vontade lectora para Internet. Porén, é moito máis destrutiva a súa pegada sobre proxectos independentes que, como “Público”, ousan romper co estatu quo do politicamente céntrico, centrista e centrado, por profesionalmente descomprometido e xerador de pensamento único, para representar un outro modelo diferenciado. Ese que se ubica no espazo público cunha dobre intención: facilitar o enganche ao debate colectivo dun amplo sector da sociedade que non se vía representado nas demais cabeceiras, e exercer como un contrapoder.

O naufraxio dun diario desas características é un golpe do que se resinte a democracia. Porque aparte de reducir o pluralismo, sufre as consecuencias de incrementar o número de xornalistas en paro. É, certo, un fenómeno europeo e mesmo norteamericano. Pero non pode servirnos de consolo. Nesas condicións, ¿que garantía de supervivencia ten o xornalismo de calidade? Non se entende, por iso, o silenzo da cidadanía.

 

“PÚBLICO”, O SÍNTOMA

Te puede interesar