Santa Rita, Rita

Teño o ánimo axitado, non revolto, se mo permite Bond, James Bond. E descubro que maio avanza e chega Santa Rita. Como patroa dos imposíbeis, chega xusto a tempo. Moita falla fai que isto está que non hai nin quen o entenda, nin  quen o ature. Dos clásicos temas de xulgados, mellor nin falamos. Redundan no de sempre: corrupción, evasión fiscal, tráfico de influencias, amaños...  
Mentres, o fiasco das esteladas ocupa a actualidade ao modo desta néboa  incesante nesta mañá gris. Deberan pedírselle responsabilidades políticas aos que se lles ocorreu a idea de poñerlle portas ao campo. As frivolidades nestes temas acaban xerando reaccións de igual  intensidade,  pero de sentido contrario. Semellara que fan estas cousas para desviar a atención doutros temas. Outra explicación sería difícil de entender coa maraña de asesores, informes xurídicos, estudos de antecedentes etc que manexan estes organismos. 
E novamente o medo. O PP segue coa teima de que eles ou o caos. Europa con que o déficit non baixa e será preciso facer novos axustes. As ameazas de atentados volven á primeira plana co do avión de EgyptAir. A desconfianza ante a eficacia dos sistemas de seguridade, das cadeas de control e custodia das equipaxes, ou dos controis do persoal instala na sociedade unha sensación crecente de vulnerabilidade. Haberá que opoñer fortaleza fronte á fraxilidade. Se o medo é a mensaxe, todas as batallas estarán perdidas. 

Santa Rita, Rita

Te puede interesar