CANDO A CRISE LEVA AO CAUTIVERIO

Calquera autónomo, pequena ou mediana empresa que manteña a súa sensatez axustada a criterios de razón e polo tanto sexa inmune aos sortilexios enganadores aos que nos ten afeito o actual Executivo, seralle doado comprobar que a crise continúa, e que polo tanto, a recesión da economía real máis que ter quedado atrás como enganosamente se quere facer crer, segue empeorando a pasos axigantados, e todo, pola incapacidade deste Goberno a afrontar solucións de síntese.
Por esa obstinación súa en facer inviable toda expectativa de recuperación ao defender por único remedio unha inadecuada disciplina ás receitas de austeridade, e non se vir a razóns poñendo en práctica solucións efectivas a través de políticas expansivas e de crecemento.
Hai elementos de análise sobrados para confirmar que seguimos soportando unha situación de práctico estancamento, pois nin as condicións do mercado interno reflicten que a demanda repunte, nin o alto nivel de endebedamento facilita a continuidade das prácticas de gasto e investimento, como tampouco, o estancamento do paro vén a indicar tendencia cara á xeración de emprego. Tendo de engadir a iso, dunha parte, a disfuncionalidade dun sistema bancario que lonxe de normalizar a canalización de crédito cara á economía real e o consumo, se envorca a favor da máis apetitosa práctica especulativa, primando preferencia cara ao financiamento político da Administración Pública; sendo outra restrición limitativa, a adversa valoración que ten granxeado este Goberno, á que hai que engadir, a acelerada erosión de confianza experimentada polo seu Presidente como consecuencia da falta de resultados efectivos e da ambigüidade da súa retórica reformista.
Aspectos que no seu conxunto, sumados á evidente subordinación que o goberno de Rajoy mantén cara ás prácticas neoliberais da chanceler Merkel, fan que se dispare a insolvencia dirixente por efecto desta atadura de dependencia foránea, ata o extremo, de reducir a mínimos a súa marxe de manobra, ocasionando con iso que a economía española non sexa dona do seu propio destino, e todo, porque o actual Gabinete está minguado de capacidade para ofrecer respostas acordes á dimensión do problema e pechado á posta en práctica de políticas efectivas de recuperación.
De aí que mentres a cúpula dirixente do país non tome recoñecemento da nosa realidade distintiva, e en vez de articular solucións xenuínas opte por saír do actual labirinto atendendo a consignas exóticas de escenarios diverxentes; poderán seguir enganando á sociedade propagando ata a saciedade o simulacro da “recuperación” como cousa certa, pero o que nunca lograrán coa súa impostura será sacarnos do atranco.
Mentres as empresas declaradas en concurso de acredores prosigan a súa tendencia ascendente establecendo un novo record histórico na destrución do tecido produtivo, e a reforma laboral siga operando como unha máquina de destruír emprego, os cronistas do éxito poderán seguir esquivando a evidencia do fracaso, pero a subordinación do poder político ao liderado de Alemaña e a asunción de pertenza económica ao nivel periférico de Europa rematará por quebrar o país e os seus cidadáns, para vantaxe e gloria xermánica.Ao parecer o actual Goberno condúcese sen calidade reflexiva, pois se así non fóra, non incorrería nese erro político de dobregarse ás directrices de Alemaña, cando o verdadeiro obxectivo teutón nunca foi fortalecer o goberno entre os países membro, senón exercer como única potencia económica de Europa á vez que propiciaba o empobrecemento do resto da Unión, sendo boa proba diso, o suculento negocio da adhesión do noso país á Comunidade Económica Europea, operación, onde as súas empresas se levaron do noso país, máis do dobre de millóns de euros dos que España recibiu de Bruxelas.
Habendo de engadir a iso, que foi esa mesma Alemaña que hoxe se empeña en obstaculizar a reactivación do país con pautas de ríxida austeridade, quen co pretexto de modernizar a economía, esixiu naquela etapa a reconversión dos sectores que podían resultar competidores, para así limitar a súa capacidade xeradora ás necesidades dos seus monopolios. Unhas draconianas medidas que afectaron ao conxunto dos sectores produtivos, e moi especialmente, á construción naval, cuxa continuidade está en serio perigo de manterse o actual factor de dependencia. De aí que, en tanto as decisións de futuro sobre a nosa economía sigan a expensas dos intereses alemáns, toda política xenuína de dinamización económica máis que ser asumida  como  unha solución haberá de ser concibida como un empacho de entelequia.

CANDO A CRISE LEVA AO CAUTIVERIO

Te puede interesar