Tres eventos na cidade

|

Comeza o mes de xullo e afiánzase o verán con todo o que iso significa: tempo de lecer, de troula, de estoupido festivo por todos os recunchos da nosa terra, de exaltación á evasión. Nestas datas estamos mergullados no campionato de Europa de fútbol, comeza o Tour de Francia e no próximo mes teremos olimpíadas, polo tanto por circo que non quede. Visto así poderíamos pensar que non hai sitio para outras cousas, para o sosego espiritual e o repouso anímico. Pero si haino. Temos este mes tres eventos importantes na cidade: antonte inauguráronse dúas exposicións, unha de caricaturas do artista Juan Carlos Alonso, considerado un dos mellores caricaturistas do último terzo do século XIX e metade do XX , en Ferrol case descoñecido malia ter nacido aquí. Esta exposición está encadrada na que se dou en chamar “Festa da Caricatura” que este ano celebra a súa 2ª edición. Un proxecto máis do Club de Prensa para poñer en valor aos galegos destacados no mundo da comunicación, e o caso de Juan Carlos Alonso encadra perfectamente nestes parámetros pois foi director da célebre revista satírica “Caras e Caretas” onde publicou parte das súas mellores caricaturas que hoxe podemos ver en Ferrol. Paralelamente a esta exposición abriuse a de “Galicia en Foco” compartindo espazo coa de caricaturas no primeiro andar da sede de Afundación, unha mostra do fotoxornalismo galego que xa vai pola súa 25 edición. O Club de Prensa dispón dun importantísimo fondo documental do acontecido en Galicia perante todo ese tempo que pronto estará a disposición de todo aquel que desexe pescudar nesta apaixonante parcela da comunicación. Como é tradicional neste evento elíxese a foto máis representativa e este ano foi a de Oscar Corral fotógrafo do País -Galicia referida á tractorada en protesta polo prezo do leite. Entregóuselle un trofeo especialmente deseñado por Sargadelos para este evento. E por si todo isto fora pouco os días 6,7 e 8 comeza no salón de actos do Campus Universitario o “ 19 Curso Carlos Gurméndez de pensamento e comunicación” que este ano versará sobre Presenzas Cervantinas coincidindo co catrocentos aniversario do pasamento do autor do Quixote. Cervantes sen dúbida foi un cronista na súa época pois gran parte da súa obra está inspirada en episodios acaecidos na súa aventureira vida. Un autentico “free lance” do século XVI. O Club de Prensa non podía estar alleo aos actos que por todo o país estanse celebrando para honrar a memoria do excelso escritor, así que lle dedica o “Curso Gurméndez” deste ano para que, perante tres días aquel que desexe penetrar na azarosa e creativa vida de Cervantes poda satisfacer a súa curiosidade. A asistencia ao Curso é libre e gratuíta e nel participarán un grupo dos máis destacados especialistas do país. Como poden comprobar, malia estar metidos de cheo na tempada de veran, a oferta cultural que ofrece Ferrol este mes e o suficientemente atractiva para que a cultura forme parte tamén do tempo de ocio. A Festa da Caricatura abrangue ata fin de mes e salpicará á cidade de varias actividades entre as que destacan outra exposición que se abrirá en Sargadelos o día 6, unha conferencia do presidente do Club de Prensa Siro López o día 8, demostracións de caricaturistas como Pinto e Chinto e como colofón varios debuxantes farán caricaturas gratuítas a todo aquel que o desexe. Non hai en España ningún evento destas características e Ferrol, se a cidadanía así o decide, pódese converter na cidade de referencia, na capital da caricatura. Que así sexa e que vostedes o vexan

Tres eventos na cidade