ATA SEMPRE, ALMIRANTE

|

Sentado, disposto a escribir, levanto a cabeza e vexo aí a Graña diante de min debuxando coas súas casas esa i grega na ladeira do monte, e se agudizo un pouco a vista case acerto a ver unha casa da cor da lousa que viña  ser o estudo de Miguel Fernández onde pechábase para dialogar cos pinceis e obter un discurso cheo de sensibilidade e colorido. O estudo segue aí como atalaia que mira cara ao sur. Todo segue aí, pero Miguel xa non está. Confeso que nunca tivera relación cun almirante e se acaso tería que dicir como León Felipe no seu poema “Que lástima”: Que lástima/que yo no tenga un abuelo que ganara una batalla/retratado con una mano cruzada/ en el pecho y la otra en el puño de la espada.../.  Pois ese podería ser un almirante: unha persoa con uniforme azul cheo de medallas e retratado cunha man no peito e outra no puño dunha espada mirándote dende unha altura cun certo desdén.  Unha idea deformada ata que un coñece a alguén como Miguel Fernández e entón pensas: non é bo xeneralizar . Non todos os xerais son Queipo de Llano e por suposto non todos os almirantes son Carrero Blanco. E para mostra, un botón: Miguel Fernández, para min un almirante atípico que rompía co estereotipo dos almirantes ao uso. Home culto no amplo sentido da palabra, preocupado polo que acontecía ao seu derredor e crítico coas situacións de inxustiza, escritor en prosa e en verso e excelente pintor cun gran dominio desa difícil especialidade que é a acuarela. Conferenciante que dominaba o segredo da comunicación  e gustáballe dicir que el só falaba de temas que coñecía e abofé que así era pois ten participado como poñente no curso de verán que organiza o Club de Prensa con excelentes exposicións cheas de erudición e non exentas de certa ironía da que translucía un acusado sentido do humor: de bo humor. Ten publicados varios libros que el mesmo ilustrou con excelentes debuxos e tiven a honra de participar na presentación dun deles dedicado aos mariñeiros da banda de Vigo, cidade na que nacera, cantando algunha canción mariñeira. Era un home ilustrado vivindo nun tempo no que a ilustración adoece de seareiros, un home comprometido co tempo no que lle tocou vivir, un home aberto a colaborar con calquera iniciativa que tivese que ver coa causa cultural. Ten publicado excelentes artigos na revista do Club de Prensa “FerrolAnalisis” e formou parte do comité asesor en temas militares e de defensa en dita publicación participando en múltiples reunións suxerindo temas e actividades. Foi nese tempo  cando o coñecín e aínda que no chegamos a ser deses amigos que se ven a tomar as cañas xuntos, cheguei a aprecialo sinceramente, e funme decatando de vagar da súa bonhomía e da súa valía intelectual, reitero, lonxe da idea que tiña eu dos almirantes máis absortos nos seus barcos e nas súas batallas, deses que ven prosaico todo o que non é milicia. Non, Miguel Fernández era un almirante integrado de cheo na vida civil. Lembro agora unha velada entrañable que pasamos na súa casa da Graña un reducido grupo de amigos entre os que se atopaba Maximino Zumalave que nos traía en primicia a gravación dunhas partituras de José Arriola feitas pola orquestra Real Filharmonía de Galicia que el dirixiu . Miguel Fernández  invitounos a unha paella elaborada por el que estaba exquisita e foi un complemento perfecto á marabillosa música que escoitamos. E agora, na súa ausencia irreversible, cústame moito falar en pasado de Miguel Fernández. Abofé.
 
 

ATA SEMPRE, ALMIRANTE