A PAIXÓN POLA FORMA

Vivimos no mundo da imaxe e, porén, cada día somos menos apaixoados da forma. Da forma poética, claro, artística, da forma na que todo está aí, latexando no segredo silenzo da escoita atenta, non da forma prefabricada nos modelos de pasarela. Houbo un tempo en que patentaron as formas da vida e agora véndenolas xa prefabricadas e manoseadas. Non pode haber paixón cando o guión xa vén escrito. Debemos matinar nisto. Porque a velocidade das imaxes mentais non nos deixa ver con claridade. Segundo van os carros así bulen as neuronas. E sabemos que a certa velocidade nin se ve nin se sente ren. Fóra os accidentes de tráfico espellan os ictus cerebrais. Por iso hoxe vemos sempre as formas movidas. Perdemos a identidade de fixar a imaxe. Non só a contorna da imaxe coma os astigmáticos, senón a imaxe enteira. Diríase que somentes chegamos á tona das cousas, á codia do pan desprezando a migalla. Xa migalla acolleu o significado de miudalla, cousa sen valor. A migalla mol e saborosa da vida! Incluso médicos e dietistas aconséllannos non probar migalla (e moitos, por desgraza, xa o fan). Pero a codia non é máis que a migalla aburada, chamizada, sumetida a calor de máis por vivir tan de fóra de si mesma, tan alleada. Se gozaramos da migalla non precisariamos tanto movemento, tanta fuxida, tanto pedaleo no baleiro. Porque a migalla está situada á distancia axeitada lume.
A sociedade capitalista, ao facer do traballo humano unha mercadoría, derramou esa sensación de estar no cerne da vida, de participar de todo. No internet dános a sensación de que todo nos fuxe, todo escorrega no bulir das imaxes. O artesán era dono do proceso de traballo e por tanto da ideia e da forma dela nascida. O homo faber do Capital non faber nada, todo faise sometendo a creatividade humana. A forma baleirouse de sentido tanto coma de sen sentido. Mudou en silueta transparente que nada nos di. Vivimos as nosas vidas, maiormente, coma siluetas transparentes que se procuran desacougadamente mais que se atravesan a cotío sen se ver.
Escribía Eça de Queiroz en Os Maias que o portugués nunca pode ser home de ideias, por causa da paixón da forma. A súa manía a facer belas frases, verlles o brillo, sentirlles a música. Se for necesario falsear a ideia, deixala incompleta, esaxerala, para a frase gañar beleza...Vase pola auga abaixo o pensamento,mais sálvese a bela frase... a necesidade dunha rima que produce a orixinalidade dunha imaxe... E cantas veces o esforzo para completar ben a cadencia dunha frase, non poderá traguer desenvolvementos novos e inesperados dunha ideia...Viva a bela frase!. Unha rima a producir a orixinalidade dunha imaxe! Qué fermoso pensamento o de Eça. E que certeiro. Non sempre a certeza nos parece fermosa. Nin a fermosura certa.
A eterna liorta entre contido e forma na filosofía, nas artes... na vida. Como o ovo e a galiña. Sen un non hai outro. Certo que ás veces a paixón esaxerada pola forma esquece o contido, a ideia. Agora que están de moda as síndromes, eu chámolle síndrome da tristura da princesa. Quen non lembra aquel poema empalagoso e intrascendente de Rubén Darío: A princesa está triste, qué tendrá la princesa... Quen non aborreceu a retórica do noso sistema educativo, tan afín ás misas e aos cantos gregorianos sen voz? Mais tamén o deleixo pola forma non mellorou moito as ideias sendo causa da pouca estima que tantos lle teñen á filosofía, historia e materias afíns.
Eu, en cambio, gosto tanto da forma coma da ideia cando leo. Cando a ideia é boa e a forma fea teño que facer un esforzo por non botar o libro ao andel de contado. Mais cando a forma é engaioladora pero sen contido tampouco disfruto. Non sei se será algo cultural. A ialma colectiva do noso ser atlántico, galego e portugués, que nos fai fundir nun só feitío forma e ideia modelándoas á par no cerne do sangue.
Otero Pedraio na súa teoría do devalar da paisaxe coido que nos amosa unha visión semellante. A ideia é a forma en proceso, a se desenvolver no espazo e no tempo. É a nosa ollada quen detén, inmobiliza a forma para resgatar a ideia. A forma vén sendo a emoción da ideia, do pensar.
A materialización dun pensamento e unha emoción. Cando o poeta Juan Ramón Jiménez escribía: Intelijencia, dame el nombre exacto de las cosas. Que la palabra sea la cosa misma...non estaba a procurar isto? Algúns poetas da paisaxe coma Pedraio gozaron nela dese ollar en acción. Ese vincallo íntimo entre o latexar da paisaxe e o do home. Ese ritmo acompasado que contempla sen esnaquizar, sen diseccionar, sen clasificar. A brétema, o orballo, a chuvisca...a auga en todas as súas formas, esborrelando os lindeiros entre un obxecto e o outro, entre a árbore e a sombra de alguén, entre o lameiro e o aire, tamén entre o eu e o outro confunde o que a nosa mente trabucada tiña arredado. Tamén confunde na fusión primixenia a ideia e a forma porque na orixe son inseparabeis. O mito antigo recollido por Mircea Eliade do Eterno retorno, do devalar da paisaxe outoniza que concita a señardade no corazón céltico, cinxido desa luz sepulcral de luscofusco que tantos confunden coa mansedume galega. E non ten nada a ver. O devalo da luz e do pulo céltigo é froito dunha harmonía coa natureza, froito dun axuntamento carnal e pagano da luz visionaria coa auga abismal. Un axuntamento gozoso entre a ideia e a forma. Unha paixón, en certo senso, romántica! Pero dun romantismo insumiso.
Pedraio en Devalar ten apuntado esa sensación de gozo. O sereno e grave gozo vén, para min, desa confusión poética onde o ser, suxeito, encadeado ao recipiente sólido da ideia, inmobilizado, conxelado coma estatua nela, séntese fluidificarse no movemeto velaíño da paisaxe, séntese non parte, senón todo con ela. Somos o que miramos. Cando miramos unha gárgola, sen espírito de friaxe analítica, somos gárgola.
Cando escoitamos a laverca da mañá somos un alalá. Cando arrecende a lentura do vedraño muro e a terra recén orballada somos terra e lentura e muradela. Todas as emocións agochadas da perdida casa dos avós. Somos o muro ancho e luído da casa mariñeira que deixaron derrubar. Eu teño paixón pola forma, porque a forma esperta os sentidos anestesiados na ansia polo rendemento e o éxito social. A forma chama polas ideias en constante muda e gozo. A forma, liberada do corsé do modelo, é o amor pola ideia, pola relación das ideias en formación a bater o mundo, coma os deuses orientais nos recuados tempos da creación.

A PAIXÓN POLA FORMA

Te puede interesar