A austeridade alimenta a recesión

|

Até os economistas máis ortodoxos recoñecen en privado que as políticas de consolidamento orzamentario, as políticas de austeridade, están a alimentar o ciclo recesivo. Os recurtes nos investimentos públicos e mesmo na prestación dos servizos esenciais agravan a caída da actividade económica, que xera máis desemprego e, xa que logo, fai diminuir moi gravemente a recadación fiscal, danada tamén polo incremento da fraude que xerará a recente suba do IVE.

Pola contra, as políticas contra o ciclo desenvolvidas por Obama nos USA foron quén de frear a recesión, malia manterse o crecemento en níveis baixos. Mais, de se impór a axenda da austeridade procíclica de Romney nas eleccións de novembro, axiña vai acompañar USA á Europa na recesión, agravando os peores níveis de desemprego coñecidos en Norteamérica dende os anos 30 do século pasado. No caso galego, a Xunta de Feijóo fachendea da mellor contención do déficit no Estado. Mais estes números non foron inocuos. A falla de políticas de crecemento e estímulo económico xerou unha grave destrución de emprego industrial e autónomo nesta lexislatura agora rematada.

De feito, esta destrución de emprego foi das máis importantes a nível estatal. Os prazos de pagamento a proveedores e contratistas dilatáronse substancialmente, a medio de técnicas como o peche na práctica, polo menos parcial, do orzamento da Xunta en setembro do ano pasado. E, así e todo, a débeda pública galega duplicouse no seu impacto sobre o PIB (do 14% de primeiros do 2009 até o actual 27-28%).

En último de contas, o cidadán galego está a sofrir os mesmos recurtes nos servizos públicos ca o do resto do Estado, sen que esta teórica contención do gasto beneficiase, por exemplo, a respecto do copagamento que sofren os nosos maiores a respecto das menciñas que consumen.

 

A ARRINCADEIRA

As vindeiras eleccións autonómicas actualizan o debate a respecto da supresión das Deputacións en Galicia. Non é comprensíbel a potenciación que tenta facer o Goberno central destes entes absurdos e nocivos, cando o que cómpre é suprimirmos as súas estruturas de representación inditrcta (108 deputados, 4 Presidentes e un lote de Vicepresidentes na Galicia) e persoal de confianza política e distribuir os seus funcionarios entre os concellos e a Xunta.

A austeridade alimenta a recesión