Varios medios fanse eco de que durante o pasado ano, Galiza tivo un saldo positivo no comercio exterior, o que evidenciaría a boa saúde da nosa economía, xa que a nosa capacidade competitiva estaría xerando emprego. Isto sería verdade, dado que a nosa economía está moi internacionalizada, se os datos fosen certos, mais non é así. Do comercio exterior exclúese máis do 50% do total, aquel que se realiza con outras autonomías e nacionalidades do Estado español. Faise por razóns exclusivamente político-ideoloxicas, porque non hai dúbida de que é comercio exterior de Galiza e de calquera comarca ou cidade todo aquel que se realiza alén do suxeito estudado.
Polo tanto dicir que o saldo do comercio exterior galego é positivo é pura hipótese, mentres non se saiba cal é o saldo que temos co resto do Estado español.
Como hai anos que non se realizan, ou cando menos non se publican, táboas input-output, non sabemos cal é o comportamento da nosa economía neste ámbito de tanta transcendencia. Segundo as últimas táboas realizadas, do ano 2008, daquela máis do 50% do comercio exterior de bens e servizos facíase co EE, e era negativo nuns 1.800 millóns de euros. Polo tanto, tamén pode selo hoxe nunha contía que converta en números vermellos o saldo positivo co resto do mundo. Aínda así, hai unha diferenza. Daquela o comercio tiña saldo negativo tanto coa UE como con outros estados. Hoxe non. Mais, repito, como tirar conclusións se non sabemos cales son os resultados do comercio co resto do estado?
Coñecer con exactitude o que vendemos e mercamos non é algo secundario en economías tan abertas como as que se nos impuxeron. Porque se importamos máis que exportamos, estamos perdendo capacidade competitiva e xerando emprego no exterior, máxime cando carecemos dunha entrada de diñeiro importante a través do turismo, ao contrario do que pasa en Cataluña, Baleares, Valencia, Canarias, Andalucía e Madrid. Isto é o que parece que sucede se temos en consideración que o último ano baixou a poboación ocupada en 2.200 persoas mentres aumentaba en 433 mil no Estado español. En resumo, precísanse menos medias verdades e unha información máis exacta.