Seguro que o horror ten moitos rostros mesmo podemos asegurar que nos afacemos a algúns deles. Asumimos imaxes terribles con certa normalidade na sobremesa. Discutimos sobre os implicados mentres hai xente á que se queima viva nesta vella Europa. O certo é que dalgún xeito todos somos responsables, hooligans dos nosos equipos de demolición. Cando nada quede en pé volveremos encher a boca coa palabra paz, unha posición, que a verdade, nunca parece chegar a tempo.
Aquí morreu Gabriel, o fillo de Amada, aquel por cuxo nacemento esperaron uns meses para cumprir o que resultou inevitable. Fusilada polo odio, executada nun dos episodios máis desprezables dunha época escura. Non houbo día da nai para ela, non hai homenaxe pública que poida substituír a calor íntima que todos merecemos ter. Seguro que hai ideas polas que un pode morrer pero máis certo é que paga a pena crear a situación para poder defendelas en vida.