Segundo o Dicionario da Real Academia Galega, un tafur é un xogador de vantaxe, en particular o que adoita facer trampas para gañar. Dalgún xeito, o mare magnum que teñen argallado os políticos é como un xogo barulleiro cuns protagonistas, cada un ao seu xeito, de sobra coñecidos. Entre todos eles, converten acotío a política nun oficio de tafures onde hai un claro perdedor que é España e por ende, os españois todos.
A consecuencia é que teñen, uns e outros, os de aquí e os de acolá, o país subsistindo baixo mínimos o que non parece ter solución a curto prazo. Se por algún milagre que semella imposible a dia de hoxe, o Sr Rajoy chegase a gobernar desta volta, ¿que clase de goberno ía a ter, e durante canto tempo?, cunha oposición tan radicalizada en contra do PP e do seu presidente. Acórdense do “non é non “ cheo de xenreira de Pedro Sánchez.
Se pola contra, estamos condenados a unhas terceiras eleccións, que é o máis probable, ¿que é o que vai cambiar de aquí a Decembro? Sobre todo se mantemos os mesmos protagonistas, os mesmos tafures.
É por iso polo que o chamado estado de dereito está na obriga de arbitrar tódolos medios que permite a Constitución para desfacer este nó gordiano no que estamos instalados, que nos está levando día a día á ruína e por riba avergoñándonos diante do mundo enteiro. É necesario e urxente.
E nós, os sufridos electores, xa esgotada a nosa paciencia, ¿que podemos facer? Unha máis que posible gran abstención en Decembro non parece ser unha boa solución porque, xogue a favor de quen xogue, nos levaría a un goberno feble, a mercede dunha oposición máis forte e máis radicalizada se cadra, sexa cal sexa o seu color.
Resumindo só hai, ao meu xuízo, unha solución clara: ¡¡vaianse!! señores Rajoy, Sánchez, Rivera e Iglesias, abonda xa deste xogo de tafures que non leva a ningures.
Se vostedes non son quen de constituír un goberno e unha oposición fortes, estables e duradeiros, vaianse e deixen paso a outra xente máis competente, máis sensata, sen tantas xenreiras e ataduras que, por riba das ambicións persoais e dos mandatos do partido, pense de verdade no ben supremo de España e de todos os españois.