Xaneiro 2016

Empezo o ano lendo “Crónica negra de la Marina Española”,(Represión en la Armada Española. Ferrol 1936-1939), que así é o título do libro de José Manuel Suárez (Cedeira 1958). Arrepía ler a cantidade de xente pasada polas armas, con xuízo e sen xuízo, naqueles terribles anos da guerra incivil, cumprindo a consigna do xeneral Emilio Mola de crear o maior terror posible na poboación (Sic). E abofé que o conseguiu, Badaxoz, Málaga, Almería, Guernica, e un longo etc xunto cunha represión salvaxe en tódolos pobos conquistados, dan boa proba délo. Eu xa sei que os do outro lado fixeron o mesmo pero isto non xustifica nin a uns nin a outros. Tempos de apocalipses aqueles que non se poden repetir no noso país, ¡Nunca máis! Leo asemade o libro de Pérez Reverte, “La guerra civil contada a los jóvenes”, unha cousa descafeinada. Máis ben semella algo escrito con presa nunha soa noite. Nada que ver cos fermosos libros aos que nos ten afeitos este moi  afamado escritor. A situación política actual tampouco fai presaxiar nada bo no futuro próximo do noso país. Por un lado a dereita de Rajoy, recalcitrante e teimuda, agarrándose ao goberno como sexa, por outro un PSOE en crise de autoridade tratando de afirmar a súa personalidade, os de Cidadáns contemporizando con uns e outros e, para completar o cadro unha esquerda crecida e iconoclasta, disposta a rachar tódolos moldes que rexen noso xeito de vida. Gustaríame saber o que pretenden, o que tratan de demostrar, con ese xeito de vestir aínda nas ocasións máis solemnes. É por todo isto polo que miña opción persoal, xa expresada nun apunte anterior, non pode ser outra que unha coalición PP/PSOE/C’S. Púñanse estas tres forzas de acordo, pensando no mellor para o país e non nos mandatos do partido. So así poderanse atallar esas arelas de independencia dunha parte minoritaria do pobo catalán manipulada por uns políticos soberbios, iluminados e ambiciosos. Ver a toda unha infanta de España sentada no banco dos acusados fai pensar no moito que cambiaron os tempos. Eu atendendo a razóns sentimentais e afectivas, pensade nos seus fillos, avogo polo sobresemento da causa contra unha persoa que sempre se distinguiu pola súa discreción. Non o ten doado, sobre todo si os xuíces se deixan levar por aquela locución latina que reza “dura lex sed lex”. (“Durum est, sed ita lex scripta est, Domicio Ulpiano). O ano como vedes preséntase apaixonante.

Xaneiro 2016

Te puede interesar