A Igrexa e a República son dúas palabras que representaron sempre na nosa historia unha clara oposición, como o aceite e auga que non poden mesturarse. Xa sabemos que a forma de réxime para a Igrexa, ao traveso da historia, onde se atopou sempre como pez na auga foi nos imperios, as monarquías e as ditaduras. Todo o réxime que leve consigo democracia e liberdade non lle prestaba á convivencia e en tempos pasados engadía a súa condena para reafirmarse na doutrina do absolutismo dogmático. Toda autoridade ven de Deus e o clero é o seu representante, incompatíbel coa democracia e a liberdade, sen darse de conta, os que isto afirman, que a autoridade civil elixida polo pobo tamén ven de Deus, segundo a doutrina cristiá.
Cando o que primaba na Igrexa xerárquica era esta doutrina de Pío IX, houbo, polo contrario, persoeiros famosos de bispos e cardeais que defendían a liberdade e a República. Citamos a monseñor Gibóns, cardeal primado, e o Mons. Ireland, arcebispo de San Pablo, ambos os dous de EEUU. Os cregos republicanos en España tiñan estes nomes como luz para alumar e defenderen a súa opción, pois víanse moi encortellados pola súa xerarquía. Coa ocasión do Congreso das Relixións de Chicago, monseñor Gibons, botara o famoso discurso no que confesaba a súa fe: “O único Deus que existe, o único Deus que eu creo... Deus meu! Os miserábeis, Deus meu!, os pobres de todas as razas; comezar por darmos a nosa vida para salvar aos que morren de miseria e de dor; esta é a esencia da relixión”. Noutra ocasión tivo críticas para a práctica do clero español, que se dedicaba só a dicir misa e aplicar os sacramentos, alleo á pobreza e miseria do pobo. E engadimos a frase de monseñor Ireland, que o cura madrileño republicano, “Juan García Morales”, seudónimo de Hugo Moreno, para reafirmarse como republicano, tiña moi en conta en poñer en claro a categoría do Mons. para que non houbese dúbidas, como arcebispo, católico , apostólico, Romano, velaí a frase: “A República é a forma de goberno máis en consonancia coa Igrexa”. E terminamos coa frase de Van Trich, famoso crego belga, animador social da Encíclica Rerum Novarum: “Toda a Igrexa púxose en pé para recibir no seu seo a democracia”.
Foi ese espírito o que puxo en pé, non á Xerarquía, senon ao proletariado cando o nacemento da segunda República, á que chamaban “La Niña Bonita”. Aquí aparecen os cregos que apoiaron á neniña. En Ferrol tivemos ao sacerdote Matías Usero Torrente con Xaime Quintanilla e Alfonso Quintana, proclamándoa dende o balcón do Concello que estaba nos Cantóns. En Galiza foi indescriptíbel no proletariado e na xente do pobo, en xeral, de cidades como Vigo, Rías Baixas, Coruña, Ferrol, Pontevedra, Ourense, algo menos en Lugo.
O Goberno provisorio, na Lei de Defensa da República, no artigo 3º di: A decisión de respectar de maneira plena a conciencia individual mediante a liberdade de crenzas e cultos, sen que o estado, en calquera momento, poida pedir ao cidadán revelación das súas convicións relixiosas. Este artigo foi o que anulou a constitución do 1876, que afirmaba: A relixión, Católica, Apostólica, Romana, era a do Estado, e compre que a Nación manteña o culto e os seus ministros.
Logo chegaron as Cortes Constituíntes do 28 de xuño 1931 con este resultado: 276 deputados da Esquerda, Centro con119 e Dereita 41. Se España é consubstancial á relixión Católica, segundo o voto popular deixou de selo. Nese senso debe entenderse a frase de Azaña: España deixou de ser católica.
Resultados para a Igrexa: A expulsión do Cardeal Segura por chamar a defender a monarquía contra a República. Os artigos 26, 27, 40 son os cualificados pola Xerarquía como laicismo puro e duro. Ningunha institución pública poderá auxiliar á Igrexa. Disolución dos xesuítas e incautación dos seus bens para fins benéficos e docentes. Prohíbeselles o ensino ás ordes relixiosas. Algunha queima e actos de violencia contra igrexas e conventos. (Este non foi o caso de Galiza, onde sucedeu só algún caso raro). Alfonso Ossorio, católico, dubida de moitas destas violencias con probas de que “lles vimos facer cousas peores aos de dereitas para botárllelas á conta dos roxos”.
De estar no cumio do poder pasar a ras do chan. É unha boa mostra de que España deixou de ser católica no oficial para chegar a ser cristiá no evanxélico e no social. Isto non quere dicir que haxa que dar a plena razón a aquela Cámara con tanta falta de tino e senso político.
A Igrexa protestou duramente por estes abusos chamándolle Constitución laicista; mais tivo ben en conta e dixo con toda claridade que a Igrexa e todos os cidadáns deben obedecer ás autoridades lexítimas da República aínda que isto nos supoña un sufrimento. Isto dicíao a final do 1931 e repetiuno no 1933. Mais onde dixen digo, digo diego; pois no 36 bendiciu con toda largueza e apoio aos militares rebeldes contra as autoridades lexítimas.
Temos dous xerarcas: O bispo, Mateo Múgica de Vitoria, expulsado por Franco, e o cardeal, Vidal i Barraquer, que ao principio da guerra exiliouse en Roma, mais na contenda os dous apoiaron á República. Nun número superior ao cento de Sacerdotes defenderon a República, unha grande maioría de vascos, algún deles foron mártires asasinados por Franco, máis non beatificados.
E para non acabar coa paciencia dos lectores, termino coa anécdota dun cura vasco, Juan Ercilla, capelán de gudaris, cando Euskadi caeu, escapou para Madrid e as autoridades deixáronlle ir para a fronte a auxiliar, sen coller as armas, aos soldados. Alí deixounos esta testemuña:
Desde el primer momento del comienzo de la sublevación militar, no dudé en ponerme al lado del Gobierno de la República. Lo hice así porque la República la conquistó el pueblo en unas elecciones; en otra consulta electoral eligió unas Cortes, y, cumpliendo este mandato soberano de la mayoría triunfante, él formó un gobierno. Ante un régimen y un gobierno legítimos no había ninguna causa que justificase la insubordinación.