MAREANTES

Un dos grandes fracasos da política galega foi, é sigue sendo, o feito de que nunca houbese grupo parlamentario no Congreso. A punto estivo de conseguilo o BNG, pero sempre faltou algún deputado máis. Deste modo, os intereses galaicos sempre se esluíron nas ondas madrileñas e non chegaron á opinión pública autóctona máis que de forma de comunicado de prensa afogada entre as noticias das páxinas xornalísticas.
O fenómeno das mareas políticas, das que hai que supoñer que teñen intereses comúns, podería conseguir que nas próximas eleccións xerais se logre o desexado grupo, pero para iso será necesario a participación do Bloque, que xa se mostrou disposto a renuncia a siglas para pór unha gaita no harmonioso Congreso madrileño. Pero claro, nestas aparece o Pablo Iglesias a buscar apoio por aquí e ofrecerse a copilotar o proxecto e sumar o seu logotipo, algo que non gusta moito, sobre todo cando desde o nacionalismo xa se deu entrada a outra formación allea a Galicia como son os de Esquerda Unida.
Agora chega o momento de ver quen aguanta máis e cantos mareantes serán quen de opoñerse ao impulso de Podemos ou se os de Iglesias cederán aquí o seu nome e solapar o fracaso de non presentarse no conxunto do estado.
O problema é que son moitos os integrantes das mareas e non todos están dispostos a darlle protagonismo aos madrileños e ver como o xeito ou o sector lácteo saen por aí, dispersos no diario de sesións, entre grandes asuntos de interese para Galicia como os problemas das medusas que causan aos bañistas no Mediterráneo.
Tal como está a situación, as mareas poden morrer de éxito sen chegar a gozalo. A primeira proba vai ser o próximo 25 de xullo se logran converterse nunha lagarteira ou simplemente quedarán nunha resaca... de san Xoán que vai ser difícil de superar con dúas elección á vista.
Mentres tanto, estamos a velas vir, pero sería outro fracaso para Galicia que non houbese un grupo parlamentario galego no Congreso, porque levamos moito retraso con respecto a cataláns e vascongados, incluso cos canarios.
Seguro que se poderán acometer grandes proxectos para Galicia ou, cando menos, non asistiremos estupefactos a anuncios como o realizado pola Xunta proclamando a visita a estes pagos dun eurodeputado galaico.
Polo menos a visita de Pablo Iglesias a Galicia danos algo de protagonismo, de importancia ou de que nos necesitan para algo, asunto este que non sucedeu nunca, porque aquí somos ou éramos de voto fixo, así que ninguén nos tiña que ter en conta para nada. Agora as mareas fannos apetecibles e só queda por saber a forma en que xestionarán os mareantes o éxito ou simplemente quedará nun soño de maio, porque a fin de contas os galaicos somos conservadores e moi pouco dados aos cambios e vaivéns.

MAREANTES

Te puede interesar