TODO É MERCADO

Nos tempos que corren, desde as esferas políticas gubernamentais, seguindo o catecismo da ideoloxía dominante do pensamento único ou neoliberalismo, estanse desregulando os ámbitos sociais, para incrementar o negocio privado e os lucros empresariais. Ao ritmo no que se efectúa este proceso non vai quedar un espazo público libre. Nen sequera os correspondentes aos dos servizos esenciais da sanidade e da educación. O Estado, as comunidades autónomas e os concellos poden acabar sendo máis empresas privadas que institucións públicas, se privatizan a súas funcións.
O cambio do PP está beneficiando ás empresas amigas, por esta redución do público e a súa substición pola xestión privada, a miúdo máis onerosa, que xenerosamente se lles adxudica. A estrutura clientelar cobizosa, coa vitoria eleitoral, aumenta como nunca soñou ganancias e privilexios con esta nova política económica, na que hai que incluír a reforma laboral, mui próxima á escravitude e que deixa na prática aos asalariados sen direitos, e a fiscalidade baixa para as rendas empresariais.
Como consecuencia, o sistema político sofre un proceso de deslexitimación, ao comprabar a cidadanía, tanto co PP como co PSOE nos gobernos, que o seu voto non conta. Os grandes poderes económicos da banca e das grandes empresas, os mercados externos e internos, son os que mandan, mantendo secuestradas a democracia e a clase política. Están establecidas sólidas relacións de complicidade entre os grandes empresarios e os dirixentes políticos, através do financiamento aos seus partidos, da corrupción política nas adxudicacións públicas e da entrada posterior dos cargos políticos nas direccións das grandes corporacións, acabando por formaren un único entramado político-empresarial, cos mesmos intereses. Entretanto millóns de cidadáns son ninguneados na toma de decisións da democracia representativa, e as súas aspiracións a unha vida mellor, incumpridas. Os seus dereitos e a mesma democracia sacrifícanse, porque o importane é fomentar o capitalismo.
O Goberno de Rajoy, aproveitándose da situación criada pola crise da dívida privada que se transformou en soberana, introduce máis medidas contra da maioría social. O devalo da economía e a elevada cifra de desempregados non parecen importar. Nin que enfraqueza a clase media. Nin que a mocidade, as mulleres precarizadas e os inmigrantes fiquen na zona da exclusión social, e sen perspectiva de futuro.
Se até agora non houbo grandes convulsións sociais foi pola almofada das familias, o controlo mediático e a moderación das forzas sindicais. Mais todo pode mudar, se se continúa a tensar a corda da asfixia social. Estarase cada vez máis perto de que se produzan explosións de descontento que enchan as rúas de cidadáns frustrados coa democracia de baixa intensidade e a economía de casino que padecen. A vaga de manifestacións e a greve xeral deste mes son indicios dun grave deterioro social e das enormes dificultades que o goberno de Rajoy vai ter.

TODO É MERCADO

Te puede interesar