Inocentes

Esta semana sóubose que o TSXG resolveu arquivar a causa aberta contra Paula Prado, parlamentaria do PP no Hórreo, que, no mes de xuño pasado, dimitira do seu cargo de portavoz do grupo popular cando o seu nome aparecera nas investigacións da operación Pokemon. Nas súas declaracións a raíz da decisión do Tribunal Superior, a deputada autonómica manifestou que se acababa de demostrar o que tantas veces dixera: “Que soy absolutamente inocente” así como a súa satisfacción por esta devolución da súa honorabilidade, posta en entredito a raíz do coñecemento do que se recolle en informes da policía xudicial baseados, segundo ela, en suposicións ou conxecturas. A resolución di que na documentación da operación Pokemon que lle entregou o Xulgado de Primeira Instancia nº 1 de Lugo non aprecia supostos delictos de fraude e tráfico de influencias. Mais, o TSXG  non di, para nada, que non sexan certos os comentarios que a señora Prado, cando era concelleira en Compostela, lle fixo ó imputado na Pokemon Ángel Espadas nunha conversa telefónica de 2012 reproducida no seu día nos medios de comunicación: “Los regalos que hace Vendex tú ya los sabes: sin hacer nada hace un regalo de la hostia”; “si sin haber contrato hay una pluma Montblanc o un bolso no sé cuánto”; “cuando hay contratos por el medio”.
Eu, desde logo, nunca podería ter dito nada así, xa que excede con moito o que teño visto de presuntas corruptelas ó longo da miña vida. Como tampouco podería dicir e lamentar que unha historia como esta fixese un dano enorme á miña carreira política, pola simple razón de que para min a política non é nin debe ser unha carreira, nin un “modus vivendi” calquera. Que non se detecten actos que puidesen levar a esta señora a xuízo é unha cousa e que a súa traxectoria política sexa intachable pode ser outra.O primeiro dío o alto Tribunal. O segundo non, nin tenpor que dicilo. Eu tampouco digo o contrario. Nin arre nin xó.
O que non acabo de entender moi ben é por que o presidente Núñez Feijoo chega a atribuírlle á sentenza “valor didáctico y ejemplarizante”. Que quere dicir con iso? Que hai sentenzas que non o son? Supoño que non debe ir por aí, mais...
Case ó tempo, sóubose que a Audiencia Provincial revocou a sentencia condenatoria por prevaricación de sete concelleiros e concelleiras de Santiago pola que quedaban inhabilitados para exercer cargos públicos durante nove anos, en xuño de 2014. Como se recordará estas sete persoas foran xulgados por acordar en xunta de goberno que o Concello de Santiago correría cos gastos de defensa dun compañeiro de corporación e de partido imputado na operación Pokémon. A xuíz de Primeira Instancia entendeu probado que houbera unha consciente elaboración prevaricadora e agora a Audiencia entende, e así o manifesta na sentencia, que esa tese “no parece más creíble y razonada” que la “tesis alternativa”. Podería parecer, pero non parece e aí acaba o conto. Non di tallantemente que de ningunha maneira pode ser.
En calquera caso esta sentencia da Audiencia está aí e é inapelable. Mais non recolle para nada, porque nonse trata diso, que os exconcelleiros, agora absoltos, actuasen con exquisita corrección. Penso que semella evidente que, como mínimo, non actuaron co rigor e a prudencia exixibles a calquera dos nosos representantes públicos. É, como todo, valorable e opinable. Núñez Feijoo di que se demostrou que “actuaron de buena fe”. Non hai por que dubidalo. Mais, aínda que xuridicamente poda non haber ilegalidade, como agora di a Audiencia, ninguén pode negar que politicamente a asunción por un ente público duns custos da defensa dun concelleiro imputado semellan a todas luces infumables. Mírese por onde se mire, desde arriba, desde abaixo, desde a dereita ou desde a esquerda. E á vista do visto non parece moi oportuno falar de  “errores judiciales”, como fixo o actual portavoz do PP no Parlamento de Galicia Miguel Tellado.

Inocentes

Te puede interesar