Mudan os feitos, mudan as palabras

As circunstancias –aínda que, afortunadamente, todo apunta a que será por poucos días máis– séguenme levando decotio ó Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, o que motiva que siga tendo relacións coas máquinas onde se efectúa o pago do estacionamento no parking, do que me vexo obrigado a botar man se non quero andar a perder o tempo “de arriba a abajo/de abajo a arriba” como aquela banda borracha da cumbia  aquela que, aló polos sesenta, popularizara en España Luís Aguilé. Hai tres ou catro días, as máquinas descubríronme a súa parvicie, se non listeza de “listillos” ou “listillas”.  Fóronme rexeitando unha vez tras outra os billetes de 10 euros que lles quería meter. E non por falsos, senón por seren dos novos. Perante a dúbida –e mesmo sen ela– a banca sempre gaña. Mais cando non teñen nada de parvas e si todo de “listillas” é á hora de cobrar. Sóubeno ben na mañá do venres, cando, ademais de visitante fun paciente –por mor dunha endoscopia que tiña programada desde hai meses, cousa das listas de espera–, botei máis tempo do habitual no hospital. Os prezos, dada a case necesaria obrigatoriedade de utilizar esas instalacións, a miúdo con urxencia, parécenme desorbitados. O diccionario da Academia Galega define negocio como “Actividade relacionada coa compra, venda ou cambio de mercancías ou valores, cun fin lucrativo” así como “Calquera ocupación, actividade, feito etc., en particular, o que pode resultar beneficioso”. Nestas máquinas, como en tantas outras que zugan os nosos mirrados cartos, é obvio que hai lucro e, por suposto, tamén beneficio. Mais cando estes semellan a todas luces excesivos, tanto como cidadán, que o son, como filólogo, que tamén, penso que esa palabra non abonda para definir esa actividade. Cando menos precisaría dun calificativo. Penso que os usos para o que se foi consagrando ó longo dos séculos non son exactamente eses das máquinas cobradoras. Artefactos que poden falar en español ou inglés, mais que seguen sendo mudas en galego. Con cambios de palabras e co capital teñen, así mesmo, moita relación as recentes ou recentísimas actuacións do primeiro ministro e novo home forte do partido gobernante en Francia, o catalán, por familia e por nación, Manuel Valls. Hai cousa de dous meses botou do goberno aqueles ministros que eran contrarios á política de recortes sociais practicada polo presidente François Hollande e grantiu á patronal que defendería unha liña de carácter neoliberal, algo a todas luces incongruente cun partido que segue levando –nada máis que por levar, é obvio– o nome de socialista. Agora, hai catro días, saíu falando da necesidade de reinventar a organización e cambiarlle o nome se fai falta. A esquerda debe ser “pragmática, reformista e republicana”, dixo, evitando a palabra socialista, mesmo cando lle insistiron no tema. E, visto o visto, por máis que moitos e moitas das súas compañeiras de militancia non estean de acordo, ten razón en suprimir ese termo do nome do partido. Se non es socialista para que te alcumas de tal? O mesmo que acontece entre nós. Partido Españolista e Partido Español serían denominacións que definirían con moita maior exactitude os xeitos de actuar dos dous grupos políticos maioritarios en España. É bo chamar as cousas polo seu nome, definilas tal cal son hoxe e non con nomes do pasado, que, está claro, que querían dicir outras cousas. É evidente que segue existindo a palabra socialismo, mais a súa aplicación debe reservarse para as cousas ás que se referiu sempre. Para as novas referencias haberá que adaptar ou crear outra palabra, algo que non se preste a engano ou mistificación. Lembremos, porque entendo que aí radica parte do perigo, que este señor Valls ten só 52 anos e que leva vinteoito, máis da metade da súa vida, ocupando cargos políticos. Ó meu entender sobran os que fan ou queren facer da política (ou do sindicalismo, que case tanto ten) a súa profesión. Vai haber que insistir e batallar moito en diferentes frontes para acabar co que, cada día está máis claro, é unha tremenda lacra.

 

Mudan os feitos, mudan as palabras

Te puede interesar