25 de abril: a revolución inesperada

e hai algún lugar no mundo, para alén das colonias portuguesas e Brasil, onde a Revolución dos Caraveis sentiuse como algo propio, foi na Galiza. Axudaba unha historia e unha cultura e lingua con moito en común. Unha proximidade aínda hoxe evidente, especialmente co norte de Portugal, malia todos os intentos de asimilación polo Reino de Castela, así como que o capitalismo nesta etapa globalizadora e neoliberal impulse a centralización no ámbito económico, político, cultural, lingüístico. 
Antecedentes: no ano 1961 un comando galego-portugués tomou o barco Santa María, para denunciar a nivel internacional as dúas ditaduras ibéricas; dende outubro de 1973 até abril de 1974 máis de 100.000 operarios estiveron en folga e houbo un intento de levantamento militar previo. 
O 25 de abril de 1974: un destacamento de militares portugueses da Escola Prática de Cavalaria de Santarém, con 25 tanques, baixo o mando do capitán Salgueiro Maia, ocuparon o Torreiro do Pazo, no centro de Lisboa. Deseguido fixeron o propio cos ministerios, o Banco de Portugal e Rádio Marconi. Previamente, Rádio Renascença emitiu para todo o país a primeira estrofa de “Grândola, Vila Morena”, de Zeca Afonso; esa foi a sinal para iniciar a Revolución. A insurrección militar estivo coordinada polo maior Otelo Saraiva de Carvalho. Cando o pobo coñece o que está a acontecer sae á rúa, berra consignas contra a ditadura e apoia coa súa presenza os militares revolucionarios, e pon caraveis nos canóns das armas lixeiras e pesadas. 
Durante dúas décadas de emigración na Arxentina, e varios anos de militancia política, vivín a democracia e os golpes militares, nun contexto de represión, acción da guerrilla, tomas de fábrica, e de revoltas sociais, como o “cordobazo” de maio de 1969. Daquela que tivese unha actitude máis critica das fortalezas e límites do proceso en Portugal, como ademais constatei nunha viaxe a Porto e Lisboa no verán de 1975.
Era lóxico que Revolución dos Caraveis do 25 de abril de 1974 fose un acontecemento novidoso e ilusiónante en Europa, máxime cando a diferenza co golpe militar na Grecia dos coroneis tiña un carácter progresista. Aprobou a Constitución máis avanzadas da época en Europa occidental e abriu as portas á independencia das colonias. Polo tanto era razoábel que a esquerda, especialmente a nacionalista na Galiza, apoiase este levantamento militar con arroupe civil, xa que reforzaba a loita contra a ditadura franquista e alentaba os obxectivos de liberdade nacional e a democracia popular.

25 de abril: a revolución inesperada

Te puede interesar