Sabores

|

Nos anos da miña infancia e adolescencia escoitábanse moito algúns temas interpretados por Los tres sudamericanos, aquel trío paraguaio que se instalou en España, que visitaba con relativa frecuencia a televisión e do que aínda conservo algún EP. Moitas eran versións de cancións de moda en diferentes idiomas, mais tamén foron os -ou dos- primeiros intérpretes doutras. Unha delas aquela “Pulpa de tamarindo”, do mexicano Paco Chanona -falecido hai uns meses pola Covid-19-, aquela “sabrosa pulpa de tamarindo” que era como “el sabor de tus besos / ese sabor agridulce que tiene tu boca / sabor que provoca, sabor que enloquece / de amor tropical. Isto, e cousas cousas así, que hoxe vexo como moi pacatas, levaban o adolescente -iniciando a vida sexual- que eu era a deixar voar a mente e a desexar probar a dozura do tamarindo e praceres asociados. Mais daquela non dei probado o tamarindo, que, 20 anos despois, volveu aparecer na miña vida en forma de canción: “Era no tempo dos Tamarindos”, tema composto polo portugués Fausto sobre o poema, dese título, do poeta angolano Ernesto Lara Filho, do que tanto gusto. Tampouco desa volta o cheguei a probar. Só hai poucos días batín cos tamarindos, cando facía a compra nunha grande superficie de alimentación. Prestoume o sabor. Mágoa que os afectados polo virus perdan temporalmente o gusto.

Sabores