Fun ver Yuli, o filme, dirixido por Iciar Bollaín, sobre a vida do bailarín cubano Carlos Acosta. Gustei -á marxe doutras consideracións das que falarei- porque me pareceu un moi bo filme. Iciar Bollaín traballou a partir dun guión elaborado por Paul Laverty, seu home, a partir de No Way Home (2007), a autobiografía do artista aparecida anos despois tamén en español Sin mirar atrás (2016). Non mirar atrás era o que lle prometera facer ao pai, o temible Papito. Cómpre lembrar que, o pasado mes de setembro, mereceu o Premio do Xurado ao mellor guión no Festival de Cine de San Sebastián.
Na miña opinión o filme ensambla moi ben a dureza da formación do rapaz aspirante, á forza, a converterse en bailarín co ambiente social que o rodea. Unha situación que, tal como moi oportunamente recordou Laverty, ao recoller o citado galardón, obedece ás décadas de embargo estadounidense, ese inhumano castigo colectivo ao que se vén sometendo o pobo cubano. No filme, xunto con inevitables tomas da beleza da Habana, atopamos imaxes do real do día a día cubano centrado, en boa medida en Los Pinos, localidade da zona periférica da cidade na que reside o protagonista. Non coñezo ese lugar, mais si outros moi semellantes, case tal cal. De telón de fondo a preocupación pola educación da xente nova, algo que sempre palpei en Cuba. Un detalle que me chamou a atención foi o do perfecto estado de conservación do uniforme de pioneiro do neno Yuli, porque nos uniformes escolares tamén se refliten os niveis sociais da rapazada e o seu non era precisamente dos máis elevados. Fálase do ballet, mais en Cuba a formación en artes (plásticas, escénicas, musicais) está moi ben integrada no sistema educativo. Hai uns cantos anos coñecín na Habana un director xeral de Educación do Goberno de Rodríguez Zapatero que andaba informándose de como se podería facer algo semellante en España. Curiosamente estivemos xuntos en magníficos espazos que aparecen no filme de Bollaín. Tanto no Instituto Superior de Arte -onde foi reitora a miña excelente amiga Ana María González-, como no Gran Teatro da Habana, presenciando un espectáculo musical.
Sabido é que Carlos Acosta xa está retirado do clásico, onde chegou a ser un dos maiores bailaríns da historia, mais segue bailando danza contemporánea e como tal se interpreta a si mesmo no filme. Outra razón máis para velo. Recoméndollelo.