A fotografía dun buraco negro cósmico que produciron un grupo de telescopios espaciais conxuntados para esta ocasión no marco dunha fazaña científica que permite poñer imaxe a un fenómeno antes só demostrado na teoría é, pola súa analoxía a ese pozo capador de enerxía circundante, unha metáfora do fenómeno da impunidade perante os crimes do franquismo consecuencia dun proceso de amnistía, singular e inédito a nivel mundial por basearse nunha lei de carácter preventivo a xeito da de “punto e final” arxentina sen que primeiro se xulgasen os feitos punitivos, producindo así unha situación de iniquidade que agrava aínda máis a demanda de reparación a favor das vítimas, froito do coñecemento dos feitos e da acción da xustiza universal.
Memoria viva da Historia Democrática que se fai panel divulgativo cando en Vilagarcía se pon nome e voz aos feitos acaecidos “na noite do 15 de agosto de 1936, na que Abaddón, o Exterminador, transformado nun grupo paramilitar faccioso chegado de fóra entrou na localidade sedento de vinganza coa finalidade de realizar homicidio selectivo e provocar terror que producise medo e pánico para eles, os fascistas, perpetuar o seu dominio sobre as xentes de ben, fieis aos principios e valores da convivencia democrática”. Trala súa marcha, si é que algunha vez se foron de certo, deixaron atrás cinco familias marcadas pola morte criminal e a orfandade cruel. No seu entorno familiar e de veciñanza nunca se esqueceron eses feitos, por máis que outros intentasen branquear a historia do verdadeiramente sucedido, e sempre se transmitiu a verdade da barbarie homicida nun relato que aínda permanece vivo e agora será público e permanentemente visíbel.
Verdade, xustiza e reparación. Lembranza de berro contra a impunidade que amosou o documental “o silencio dos outros”, emitido na segunda canle da televisión pública estatal e aínda posíbel ser visto no ámbito gratuíto da rede de internet, no que se narra a busca daquelas persoas desaparecidas perante a pasada ditadura e os diferente intentos de facer fronte aos seus responsábeis.Nenos desaparecidos ou dados en adopción fraudulenta, feito agochado por décadas; torturas, execucións extra xudiciais, as fosas comúns cargada de cadáveres anónimos e moitas outras historias necesarias para facer posíbel a reconciliación dun pobo co seu pasado.
O movemento cidadá militante na causa da Memoria e as institucións representativas teñen aínda moita tarefa por diante para derrubar o muro da impunidade.