De mesuras e desmesuras

No bacharelato aprendemos que a hipérbole era unha ponderación desmesurada. Daquela non sabiamos o tamaño que implicaba ser desmesurado. E moito menos aquilo de ponderación. Pero hoxe, xa afeitos a outros sistemas de pesos e medidas, xa nin as hipérboles son tal cousa, nin o desmesurado causa impresión. Pasaron a ser simples moedas de cambio, e de uso corrente. 
Cada semana a corrupción ocupa portadas de noticias e banquillos de acusación. De famosas fotos felices dende as escalinatas do poder ata as imaxes menos decorosas dos mesmos protagonistas entrando en recintos carcerarios tan só hai uns anos de por medio. Hai detencións por mordidas, branqueos de capitais, adxudicacións fraudulentas e/ou delitos similares. 
Hai quen sinala a puntería e o sorprendente acerto especialmente de Aznar e de Rajoy na elección de ministr@s, que, en palabras de Esperanza Aguirre, acabaron por converterse en ras. Por vez primeira un partido político é acusado coma responsable civil polo lucro dunha trama corrupta. 
Pero da a sensación de estar máis anoxada e sorprendida a opinión pública que os propios dirixentes do PP. O recurso de quitarlle ferro a todo o que sucede vai facer que rematen anémicas todas as argumentacións. Agora aplicando o recurso da defensa numantina espallan, megáfono en man, reviradas teorías, complicidades interesadas, revanchismos e complots de mal pagador. Semella que a autocrítica para algúns está pasada de moda. Para a oposición, só queda o recurso da moción de censura. Para o Goberno, a convocatoria anticipada de eleccións.
Algunhas veces cando xorden ausencias –díxolle El– soñarte é a distancia máis curta entre dúas emocións feridas de distancia. Ás veces –dixo Ela– respirar ten sentido, se podo sentir o paso das horas, enredada nun abrazo contigo.

De mesuras e desmesuras

Te puede interesar