Comentario a “Presos para toda a vida”

Non. Non o direi eu mellor, nin con máis autoridade, nin con máis coñecemento de causa do que Xoán Antón Pérez Lema: “Se é permanente non é revisábel. Se revisábel non é permanente. A PPR é un xeito de branquear semánticamente o que non é senón cárcere a perpetuidade”. 
Os entendidos falan de porcentaxes moi altas de enfermos psíquicos, pero non só, que se lles dá como solución e oportunidade determinista o camiño do cárcere xa desde o comezo da súa existencia. E el non teremos nada que reflexionarmos a sociedade? 
Abóndanos con ver quen é o que abre máis a boca coa expresión máis contundente cando xa ocorriu unha desgraza? E os medios non terán nada de que examinárense na súa función educativa do público ou no xeito de informaren? 
Non. Non é por aí como vai vir a prevención e solución de tanta dor que se dá en casos tan dramáticos. 
Mellorouse moito na saúde buco-dental, poño por caso. Pero que se fixo e fixemos coas enfermidades mentais, detección precoz, prevención, atención axeitada e especializada, seguemento correcto e eficaz, etc.? Que tipos de institucionalización? Estamos todos moi de acordo en que: “Manicomios, non!”.  Pero que alternativas? U-las elas? 
Non chega con devolverlle ás familias os problemas. A sociedade, como tal, temos de crearmos respostas aos problemas que son de todos. Como poden seren a mesma meninxite, a diabete, o cancro, os infartos, etc. Á fin tamén todo é social.
Lembro o caso dramático, hai poucos anos, daquela veciña nosa de Narón que cansa de chamar a todas as portas a prol do seu fillo, xa maior de idade e moi violento, por estar moi enfermo, optou por procurarlle ela mesma a morte para que non puxese en perigo a vida de ninguén e logo foise mergullar ela mesma no mar da nosa costa ferrolá. 
Deixou unha dorida e desesperada carta, outra máis, para D. Manuel Fraga a quen nunca lle deixaran acceder en auxilio do seu desespero. Ela tamén sería unha desas que as nosas sociedades, nós, a “apodreceriamos no cárcere”. 
Sempre nos colocamos na parte dos “puros”, dos bos, dos xustos e, mesmo por iso, axustizamos.
Non será esa máis unha gran “asignatura pendente” que non se quere abordar en serio pola sociedade en xeral e os políticos?  E a marxinación social? Aquí, estes medios si que deben ser permanentes e revisábeis.  
Ben seguro que non acabaría con todos os problemas. Pero tamén seguro que outros tratamentos que non só sexan as prisións permanentes, desas  que “apodrecen nos cárceres”, serían ben máis eficaces, aforrarían moitas vítimas e seriamos todos menos vindicativos, (enfermos sociais), e ata teriamos algo máis de  felicidade persoal, familiar e comunitaria. 
Por moito que berremos cando é tanta dor, non quer dicir que socialmente esteamos máis acertados nas diagnoses e terapias. Outra cousa ben diferente son as familias afectadas. As vítimas. Para elas, todos os respectos e consideracións serán sempre poucas. Pero tampouco as utilicemos. Que doado é sermos demagogos.
Tamén teriamos de ver como mellor acompañar. Estámolo a facer ben? Que nos dirían os entendidos nunha verdadeira psicoloxía de auténtica calidade e actualizada? Canto camiño por andar e canto por aprender cando a vida nos golpea tan forte e absurdamente. 
Graciñas, Xoán Antón Pérez Lema. Velaquí o texto completo da súa achega valiosa e acertada, que non dubido nos permite reproducir, coñecida a súa loita por concienciármonos cara un mundo máis humanitario. O orixinal pode consultarse en: “Presos para toda a vida”, de Xoán Antón Pérez-Lema. Diario de Ferrol (15 de xaneiro de 2018).

Comentario a “Presos para toda a vida”

Te puede interesar