BANDEIRAS FÓRA!

Aló por 1977, Carlos Cano -que se acabaría convertendo nun dos meus cantores de culto- gravaba A la luz de los cantares, LP de 10 cancións entre as que figura a popularísima “La murga los currelantes” na que podemos escoitar: “Esto es la murga / los currelantes / que al respetable / buenamente va a explicar / el mecanismo tira palante / de la manera más bonita, y popular / sacabe el paro y haya trabajo / escuela gratis, medicina y hospital / pan y alegría nunca nos falten / que vuervan pronto los emigrantes / haya curtura y prosperiá”. Non obstante, circulou unha versión na que o cantor, compositor e poeta granadino di: “escuela gratis, democracia y libertad / y ser de Europa parte integrante / que vuervan pronto los emigrantes / haya curtura y prosperiá”. A ese desexo de Europa podían sobrarlle razóns. Circulaba aquilo de que África empezaba nos Pirineos -aserto, en tantas cousas, non moi errado- e, por riba, as moreas de xentes que se viran forzadas a emigrar vían que pola Europa receptora se vivía doutro xeito. Case polas mesmas datas, en 1981, a banda portuense GNR (Grupo Novo Rock), pouco antes constituída, tiraba o seu primeiro vinilo, un single no que, como cara A, figuraba o tema “Portugal na CEE”, título, ademais, xenérico do disco. A letra, moi simple, “Na rádio, na TV / Nos jornais, quem não lê / Portugal e a CEE / Quanto mais se fala, / menos se vê / Já estou farto, quero ver // Quero ver Portugal na CEE / Quero ver Portugal / Na CEE (...)”, repetía insistentemente, ata a saciedade, “Quero ver Portugal na CEE / Quero ver Portugal / Na CEE”. Tivo un éxito de ventas impresionante que lle deu sona o grupo dentro e fóra de Portugal. Vino actuar na Coruña non moito despois, xa con Rui Reininho poñendo a voz. Ámbolos Estados ibéricos asinaron a adhesión á daquela chamada Comunidade Económica Europea en 1985 para ingresar o primeiro día do ano seguinte, feito que no seu conxunto nunca me convenceu de todo. E ós que cantaban pedindo Europa? Tivo algunhas vantaxes, mais tamén outras tantas ou máis cousas malas. O nome dicía, máis ou  menos claramente, o que era. Cousa de cartos con pequenos adobíos de carácter social. Pero a constante perversión na que vivimos aconsellou disfrazarse mellor mudando para un nome máis ambiguo: Unión Europea, onde o de unión non semella o vocábulo máis acaído para se referir á unha organización onde cadaquén vai por onde lle peta excepto cando se trata de organizar a explotación masiva en beneficio duns poucos. Parte deles nin tan sequera europeos. Mais se os que rexen esa só nominal Unión carecen de escrúpulos para tentar sangrar os propios europeos, para volvelos á condición de novos servos da gleba, que podemos agardar do que lle poidan outorgar ós foráneos da súa Unión. Velaí o dos máis recentes refuxiados, maioritariamente sirios. Polo que conta, a xente siria está a fuxir da guerra e non do réxime de Bachar el Asad, como sibilinamente nos queren dar a entender. Son persoas que queren salvar a vida e regresar á súa terra tan axiña como as circunstancias militares llelo permitan. Está máis que demostrado que esa guerra non a provocou disidencia de ningunha caste, que foi unha operación montada desde fóra co único obxectivo de acabar con el Asad, que nunca quixo ser unha ovella máis do gran pastor, do imperialismo capitalista. Sempre se dixo, ademais, que Turquía foi o Estado máis implicado no inmediato dos feitos e, durante toda esta guerra, semella obvia a súa implicación nos subministros e no respaldo loxístico ós eufemisticamente chamados rebeldes, oposición... E mire vostede por onde vai resultar que ós pobres sirios se lles designe como territorio de refuxio o que xustamente lles trouxo tanto mal como andan a padecer. Entre as obrigas internacionais da protección dos refuxiados están  o  acceso pleno e efectivo á educación, ó trabajo, á atención sanitaria ou á asistencia social. Alguén pensa que en Turquía van saber de que vai iso? Compre acabar con tanto vil cinismo. Comecemos por arriarlles as bandeiras da infamia.
 

BANDEIRAS FÓRA!

Te puede interesar