Caaveiro

Hai tempo que desexaba volver a Caaveiro porque dende que era un rapaz, cando fora alí en varias ocasións a facer noite e intentar gravar psicofonías pasando un medo que nin che conto, non visitara o emblemático cenobio con posterioridade a súa restauración. Valéndome do estímulo acadado logo de escoitar a José Manuel Yañez no Ateneo na súa disertación sobre o mosteiro, e aproveitando que a nosa filla tamén tiña interese, diriximos os nosos pasos ata as Fragas do Eume, lugar máxico que semella recuperado do pavoroso incendio que sufriu no 2012.
Malia ser domingo non había moita xente. O tempo axudaba á visita pois non ía frío e o sol pelexaba por emitir algún raio a través dun mar de nubes, denso nalgúns momentos. O conxunto arquitectónico amosábase limpo e esplendoroso cando chegamos a ver a imaxe típica do mosteiro co seu pequeno ábsida romano custodiado polo campanario barroco, logo de subir o empinado camiño que conduce ao cenobio. Por un  momento sentín como o tempo ía para atrás, como foron pasando imaxes das miñas anteriores visitas, algunhas feitas a pe dende Pontedeume, imaxes que na súa maior parte tiñan que ver co abandono e a falta de respecto de moitos individuos  que ían alí a facer sardiñadas deixando todo o entorno cheo de lixo. A pesares de todo iso, o mosteiro tiña aquel porte misterioso que aínda conserva, onde uns frades, poucos, no século XI  andaron en pleno contacto coa natureza  lonxe do mundanal ruído procurando vivir traballando no autoabastecemento e rezando. Naquelas psicofonías, naqueles ruídos gravados das augas do río e o azuar do vento a través dos frondosos bosques que rodean ao cenobio, imaxinabamos escoitar as voces daqueles frades entre os que estivo San Rosendo. Acochados ao derredor do magnetófono, cóbado con cóbado sentiamos o tremor do compañeiro cando a cinta semellaba deixarnos algunha mensaxe. Calquera cousa naquel paraxe que a noite facía máis misterioso, tomaba outra dimensión, un piar dun paxaro, unha pola que crepitaba, semellaban mensaxes de ultratumba. Escoitar a cinta na casa xa non era o mesmo, xa desaparecía o misterio porque aquel escenario sumido na negritude da noite influía moito. Cousa de rapaces, abofé, pero o pasabamos moi ben.
Desta volta tivemos a sorte de contar cunha guía para tres persoas, un auténtico luxo, que nos acompañou a través das varias edificacións do conxunto con precisas explicacións que, in situ, foron de moita axuda. So non estivemos de acordo nunha cousa: no lugar de nacemento de San Rosendo. Eu defendín que nacera nunha localidade, Salas (San Tirso), entre Braga e Porto e ela en Mondoñedo. Os dous tíñamos parte de razón se nos atemos ao refrán aquel que di: un non é de onde nace, senón de onde pace, pois Rosendo de pequerrecho foi para Mondoñedo baixo a custodia do seu tío. En fin, que pasamos unha boa xeira falando en Caaveiro de Caaveiro e das andanzas de San Rosendo, neste lugar certamente máxico onde todo, incluso o inimaxinable, é posible. Abofé. 

Caaveiro

Te puede interesar