Ídolo cos pés de barro

Morreu Maradona e a noticia causou conmoción no mundo futbolístico, non digamos na Arxentina onde o personaxe chegou a ser idolatrado a semellante nivel que Evita Perón, poñamos por caso. Capela ardente na Casa Rosada dándolle ao futbolista a categoría de Xefe do Estado, e multitudes facendo cola  montando enormes balbordos coa policía co gallo de entrar en tan emblemático  recinto a darlle o último adeus ao rei do balón. Parecía o salto ao enreixado no Rocío. Este era o panorama.

Maradona brillou nos campos de fútbol, alí fixo marabillas pero a súa vida fora de aí mergullouse en sinistras sombras. Non importa que agora se diga o boa persoa que foi, que non renegou nunca da súa condición de ser pobo, etc:  sempre cando alguén morre exáltanse as luces do finado, como é lóxico e natural. Pero todos vivimos coa dicotomía  da luz e a escuridade. No caso do desaparecido futbolista  o seu talento co balón e a súa vida disoluta estaban case ao mesmo nivel.

A veces admiramos a alguén con exceso, niso consiste a idolatría, e non somos ponderados á hora de demostralo. Ao ser o fútbol un deporte de masas, a masa contúrbase cando desaparece un dos seus principais protagonistas e aféctase menos cando desaparece alguén cuxo traballo causou un beneficio inmenso á humanidade: iso para a masa ten menor importancia pois o que sempre lembrará serán cousas como “o mellor gol da historia”, “a man de Deus” e fazañas semellantes.

Os científicos que traballaron para parar o avance asasino do VHI, o Ébola ou a malaria, por poñer tres exemplos, no son coñecidos e cando morren ninguén os bota en falta. Nin tampouco Fleming  xogaba no River  nin Luís Pasteur no Boca e posiblemente dos miles de persoas que facían cola para ver o cadaleito de Maradona, poucos saberían deles e do ben que lles fixeron as súas achegas científicas. Pero iso é normal porque sempre vai soar a mesma melodía e por iso quizá  non será practico seguir perdendo o tempo dándolle voltas a isto pois xa dixo Vujadin Boskov aquilo de “ Fútbol é fútbol”  (sabia sentenza) e Cristo “Yo soy el que soy”(tamén)  e  ambos quedáronse tan panchos.

Maradona fixo arte cos seus pes dándolle ao balón, pero o pedestal no que se asentan foise convertendo de barro ata o punto de facer cambalear  a súa figura coma ser humano. Foise aos sesenta anos. Quizá, vendo como xestionou a vida, moitos para el, así pois...  ¡que lle quiten o bailado! Abofé.

 

Ídolo cos pés de barro

Te puede interesar