O acordo entre Rusia e os Estados Unidos para avanzar cara á paz en Siria semella que rematou. A base do pacto era que Washington diferenciase entre Al Nusra e a oposición armada “non terrorista”.
Pola banda de Damasco, a súa aviación de guerra non podía sobrevoar as zonas baixo control da oposición “moderada” (o control quedaría en mans de Rusia e USA). Garantindo tamén unha estrada desmilitarizada para facer chegar alimentos á poboación civil cercada en Alepo (que a oposición utiliza como escudo).
A maioría dos grupos armados non aceptaron o acordo, e os Estados Unidos non arredou o trigo da palla: non certificou cal é a oposición armada “non terrorista”, os seus xefes, e que territorios ocupan. Por se non abondase, avións da coalición comandada por Washington (seica de Dinamarca) bombardearon o aeroporto de Deir ez-Zor deixando sesenta militares mortos e un cento de feridos, apoiando así o ataque dos terroristas do EI que cercan a cidade.
É difícil crer que foi un erro, como pretende xustificar Estados Unidos diante da opinión pública. En paralelo, a aviación israelí atacou posicións do Exército Sirio nas áreas próximas ao territorio ocupado dos Altos do Golán, para defender a oposición armada. Semella que a tregua como os bombardeos foron premeditados e tiñan como obxectivo frear o avance do Exército sirio, fornecer de armamento á oposición e reagrupala para lanzar unha nova ofensiva.
É unha reprodución de acordos anteriores, pura escenificación de Washington, coa complicidade occidental. O aumento dos casos de ruptura da tregua, a medida que pasaban os días, indicaba que se aposta pola guerra. Se non fose así, a tendencia debería ser ao envés.
A esta altura non vale empregar máis unha vez a escusa do confronto entre a Casa Branca e o Pentágono. Hai un Goberno que cando coida que é necesario, utiliza o poder que posúe, que é moito.
É realmente grave que se xogue á guerra co argumento da paz, gañando tempo, para rearmar, para enganar á sociedade, para pechar as feridas con Turquía, para poñer en común estratexias cos réximes feudais de Arabia Saudita e Catar. Incumprindo o pactado, a única alternativa que resta é a guerra.