EEngánannos vilmente, e fano con premeditación e aleivosía, como querendo restregarnos polos fuciños que nos consideran parvos, que comulgamos con rodas de muíño e que fagan o que fagan, decidan o que decidan, diremos si señor mentres eles seguen co latrocinio, e uso a palabra latrocinio e non roubo porque nos están substraendo algo que entendo é, como a auga, un ben público, en mans privadas, claro. Non nos quitan a carteira, que tamén, senón algo tan necesario para todos como é o aceso á enerxía eléctrica, algo tan útil, por exemplo, para quentar os fogares nestes tempos de invernía. Hai moitísimas familias que non poden acender a estufa, que a duras penas poden soportar o recibo mensual das compañias eléctricas xa que estas deciden subir e subir as taxas sen remordemento de ningún tipo e ademais argumentando peregrinas escusas que demostran ata que punto nos consideran imbéciles, sumisos e manipulables.
Viña no coche escoitando un programa informativo e a locutora dicía que: “a partir das sete da tarde o recibo da luz custaríanos aos españois un 8% máis, hoxe xoves 17 de xaneiro (data na que escoitaba o referido programa) do que nos custaba onte”. As escusas que esgrimen desde o ministerio de industria son peregrinas, pueris, esas que xa escoitamos constantemente cando deciden dar o golpe: que si non chove, que si non hai vento, que si pararon algunhas centrais nucleares en Francia, que si patatín que si patatán, sempre a mesma canción. Parafraseando a Castelao: mexan por nós e temos que dicir que chove. Súbennos o recibo descaradamente e resulta que é porque non hai vento. Desde o ano 2008 ata hoxe subiu a luz un 50% e desde o últimos sete meses cústanos sete euros máis ao mes. Todo este disparate mentres, por exemplo, as pensións sobiron un 0,25% e hai moita xente que non pode vivir por enriba das súas posibilidades enerxéticas. E todo isto ocorre nun país produtor nato de enerxía eléctrica onde póñenche pegas para que instales na túa casa unha fonte de enerxía renovable como as placas solares. Se o fas, tes que pagar peaxe, algo francamente alucinante e contemplamos con cara de parvos como o goberno consinte e cóntanos esa milonga de que dependemos das centrais nucleares francesas cando a realidade é que somos nós os que vendemos enerxía electrica a Francia.
Creo que nas cousas esenciais, naquelas que afectan directamente de maneira negativa á maioría da xente, o goberno debe intervir poñendo orde e concerto ás desmedidas ansias de rapina que empregan as grandes compañías enerxéticas. Eu son dos que cren que non é casualidade que dous expresidentes do goberno, Aznar e Felipe González pasasen a ser conselleiros das dúas empresas enerxéticas máis importantes do país, o mesmo é un pago aos servicios prestados, e tamén vexo que son vergoñentos os seus consellos dadas as circunstancias, máis deshonrosos por parte dun que doutro, e vostedes xa saben en quen estou pensando, naquel que pola súa ideoloxía (¿?) debera postularse na defensa dos máis afectados, pero xa ven no que acabou.
Un amigo dicíame: “déixao porque sempre foi así: uns poucos-os listos- tratarán de aproveitarse duns moitos-os parvos-, é lei de vida e non hai quen a desmonte”. Eu resístome á idea pero... paso a pagar hoxe o 8% máis no meu recibo da luz e mañá máis e logo máis e así ata quen sabe cando.