Estou a ler o libro de Piketty, O capital no século XXI. Sen dúbida, é un traballo ben documentado; mételle o dente ao tema da desigualdade, dá moitos dados, mais foxe de lle dar unha resposta de clase.
Tampouco ofrece unha saída clara diante da globalización, nen un modelo distinto ao capitalismo, limítase a propor regular o proceso de concentración e centralización do capital, e un imposto mundial aos lucros, que recoñece de difícil aplicación. Por iso, que afirme que non se debe ter medo de Syriza ou Podemos, porque ambos son europeístas, non significa tanto unha crítica como unha gabanza, dacordo co seu punto de vista de socialdemócrata “critico”. Lembremos que foi asesor de Hollande en temas económicos na campaña electoral.
A asistencia de Tsipras á epifanía, na procura da foto coa cúpula da igrexa ortodoxa, amosa que está a facer acenos aos estamentos relixiosos.
Non é unha novidade; antes das pasadas eleccións xa mantivo reunións con representantes dos Estados Unidos e da Alemaña, para afastar toda sospeita dun posíbel confronto coas potencias hexemónicas, no caso de chegar ao Goberno.
Nesta ocasión deu un paso máis, rachando coa premisa da esquerda de afastar a relixión da vida política (tamén contrae unha débeda con estes sectores).
A medida que se aproximan ás posibilidades de gobernar, tanto Syriza como Podemos, van moderando o seu discurso, por exemplo no relativo ao impago da débeda e ao sector bancario. Substitúese o impago por unha redución, que no caso de Syriza xa se estima de partida no 50%, polo que con seguridade terminaría aceptando que fose moi inferior.
En relación á banca, un sector chave para garantir o crédito á pequena e mediana empresa e recuperar soberanía, a proposta dos gregos fica na ambigüidade de que se poderían nacionalizar algúns bancos. Unha boa parte dos sectores máis golpeados pola crise esperan que Tsipras mude todo, que os votos cambien a realidade, a desigualdade recúe e o desemprego sexa parte do pasado.
En moitos casos é un paso adiante na conciencia social, mais tamén, unha aposta que pretende facer das ilusións realidade, ignorando a confrontación de intereses.