A semana catalá amosou ao Estado vulnerando en todas as frontes o autogoberno da Generalitat dun xeito abertamente ilegal. Porque Mariano Rajoy optou por evitar a vía excepcional do artigo 155 da Carta Magna (como nos explica o constitucionalista Javier Pérez Royo) para non estar limitado polos marcos propios da resolución do Senado que lle outorgaría a habilitación, pero suxeita aos limites temporais e finalistas propios da súa natureza.
Tampouco quixo proporlle ao Congreso dos Deputados a declaración dos estados de sitio ou excepción, consciente do rexeitamento que lle oporía a súa maioría absoluta. Mariano Rajoy promulgou de feito un estado de excepción propio da lóxica xurídico-politica dun Carl Schmitt que coidábamos morto hai un lote de anos.
Para acadar os efectos deste réxime excepciónal de feito, Mariano Rajoy botou mán do brazo gobernamental das Fiscalías Xeral do Estado e Superior de Catalunya (lembran agora aquél “la fiscalía te lo afina” do antigo ministro Jorge Fernández Díaz?) para deter catorce altos cargos da Generalitat no decurso dunha investigacion xudicial qué técnicamente xa habería estar pechada e acumulada á pescuda do Tribunal Superior de Justicia de Catalunya que investiga ao presidente, vicepresidente e conselleiros da Generalitat.
A mesma Fiscalía Superior que pon aos Mossos ás ordes do Ministerio do Interior sen ningunha caste de alicerce legal, xa que Mariano Rajoy non quixo activar os que tiña ao seu dispor para non verse limitado polas súas esixencias normativas.
Mentres, Cristónal Montoro, tamén sen bases legais, suprimiu a autonomía financeira da Administración catalá. Mentres, asistimos ao chafalleiro espectáculo da citación de setecentos alcaldes ou do actor que presentou o acto polo si de Tarragona.
Mentres, ,o Ministerio do Interior enche Catalunya de policía estatal, cando a convivencia democrática está totalmente garantida polas Policías catalás.
Este estado de excepción de facto estalle a facer un dano letal á imaxe internacional do Estado español e á propia convivencia entre españois. É posíbel que ninguén se decate en Madrid?