Que está a pasar coa misa do domingo dende hai algún tempo para aquí? É que deixou España de ser católica? Con todo, non parece que esta realidade lle preocupe demasiado a ninguén. Incluso o papa Francisco, tan activo el, non o incluíu na súa axenda da reforma que intenta poñer en marcha. Son, con todo, os católicos máis conservadores e apegados ás tradicións os que non soportan deixar de lado o que ata agora viña sendo o “santo e seña” da catolicidade: a misa dos domingos e festas de gardar. Na sociedade, e tamén na Igrexa que está para servir á esta, existen actualmente outros problemas máis graves e máis urxentes que reclaman atención. Así parece pensar a maioría dos fieis que están a deixar de ir misa. Foron caendo na conta de que antes de cumprir co precepto de ir á misa están outras obrigas. “Hai en este mundo cosas más importantes que Dios: Que los pobres no escupan sangre para que otros vivan mejor”, como cantaba Atahualpa Yupanki con estas duras palabras e sen miramentos hai xa ben anos. Pero é tamén o mesmo Evanxeo o que ofrece esta mesma advertencia como condición previa a de facer oración: “Se ao presentala túa ofrenda no altar te acordas que teu irmán ten algo contra ti, deixa a ofrenda e vai primeiro reconciliarte con el”. Porque a fraternidade convertida na base de unha civilización social é o primeiro que Deus quere das persoas. Xa o vello catecismo nos dicía que todos os mandamentos da lei de Deus quedaban reducidos a dous: amar a Deus e ao próximo como a un mesmo. Esta é a cantraseña do cristianismo que marcou profundamente a cultura occidental, da que nos somos herdeiros porque nela fomos bautizados. Con estas armas os seguidores de Xesús foron, e deberían seguir sendo actualmente, unha oposición aos poderes relixiosos do Templo. Xesús nunca vinculou a Deus co templo. El non participou no Templo de Xerusalen, senón que se dedicou a ofrecer o Reinado de Deus a todos, sen excepción, preferentemente aos pobres, aos enfermos e aos marxinados. Por iso o crucificaron. Algo que o cardeal Cañizares non tivo en conta cando afirmou que os inmigrantes non lle parecían trigo limpo. Debería ter presente que tamén no clero e na xerarquías hai de todo. O cristianismo precisa renovación e revitalización para ser recoñecido, máis que por ir á misa sen antes telos deberes feitos, por ser o impulsor da irmandade entre todos, servindo os uns aos outros. Acaba de dicilo o Papa: “Os que se aproveitan dos demais sementan cizaña”