III PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA

|

Os Premios Martín Códax da Música, promovidos pola Asociación de Músicos ao Vivo, nacen nun contexto que reborda creatividade musical, pero adoece de apoios, de recoñecemento, de visibilidade e dunha industria capaz de facer rendible o potencial deste sector estratéxico, un sector que, no caso de ser dimensionado, probablemente se rebelaría como o máis produtivo e con máis potencial para a cultura galega.
Os premios nacen para recoñecer a creación, a diversidade e a calidade das producións musicais galegas; revelar novos talentos e achegar a música e o seu proceso de produción ao público. En eles poden participar todos os proxectos musicais galegos vixentes e en activo neste ano 2016: grupos, solistas, espectáculos, ou proxectos discográficos realizados por músicos, mulleres e homes galegos. Arranca a terceira edición con novidades en categorías e bases. Nesta edición, que sumará 16 categorías musicais, a música vocal terá o seu apartado –Coros e Música Vocal– , para “abrir as portas dos premios a máis de 15.000 músicos e músicas deste país que forman parte de proxectos de canto coral, desde as tradicionais corais ata os pequenos grupos vocais que están a xurdir”. 
Tamén, tres premios Organistrum para recoñecer o labor de salas, festivais e espazos de comunicación. Outra novedade é o cambio de calendairo do certame, que pasa do inverno á primavera, para situarse nunhas datas “máis propicias para os músicos” e que colocan estes premios no calendario dos demais premios sectoriais da cultura galega, para facilitar a participación dos músicos que terán a posibilidade de inscribir todos os proxectos desenvolvidos durante o ano natural anterior”. 
As categorias son: Pop e Indie / Rock / Blues, Funk e Soul / Metal / Canción de Autor / Hip Hop e Músicas Urbanas / Reggae, Ska e Mestizaxe / Electrónica / Música Clásica e Contemporánea / Jazz e Músicas Improvisadas / Música Tradicional Galega / Folque / Músicas do Mundo (Flamenco, MPB, Músicas Balcánicas...) / Música Infantil / Orquestras, Grupos e Músicas de Verbena / Coros e Música Vocal. 
O Premio Honorífico Músicos ao Vivo decidirase en Asemblea de Músicos ao Vivo e farase público o 15 de marzo. Os socios e socias de Músicos ao Vivo serán os encargados de votar en dúas quendas. Nunha primeira escolleranse aos tres finalistas de cada categoría. Nunha segunda, os socios e socias de Músicos ao Vivo escollerán ós premiados e premiadas de entre os tres finalistas de cada categoría.

III PREMIOS MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA