Efemérides

Nesta semana que entra celébrase o aniversario de dous acontecementos históricos que para min sempre tiveron interese e aos que, en boa lóxica, xa me teño referido en máis dunha ocasión. O próximo venres cúmprense 173 anos do fusilamento dos chamados Mártires de Carral, suceso que debería figurar en toda canta historia se faga da infamia. Non polo feito dos fusilamentos en si, senón polo xeito en que se produciron. Poñían fin ao levantamento liberal progresista contra o goberno de Narváez, iniciado o 2 de abril de 1846 en Lugo, encabezado militarmente polo coronel Miguel Solís. Após a derrota de Cacheiras, Solís conseguira refuxiarse coas súas tropas no compostelán mosteiro de San Martiño Pinario, mais vendo fracasado o levantamento decidiu entregarse como prisioneiro a condición de que ningún dos que o acompañaban fose executado. As autoridades militares decidiron trasladar os rendidos á Coruña para seren xulgados. Non obstante, o capitán xeral Villalonga –que era partidario da execución de todos os implicados–, temendo algún posible levantamento popular na cidade herculina, decidiu fusilalos antes. Como as tropas que os conducían non atoparon en Ordes ningunha autoridade disposta a asinar o fusilamento continuaron camiño ata Carral, onde o segundo alcalde autorizou a execución. oos corpos foron entregados ao párroco para o seu enterramento no cemiterio de San Estevo de Paleo. E a día de hoxe alí continúan enterrados os restos de Solís, dun comandante e dos dez capitáns que foran pasados polas armas. Poucos anos despois, en 1955, foron declarados por lei “Beneméritos de la Patria”.  Pondal escribiu tres poemas referidos as fusilamentos de Paleo: “Cando os duros machados”, “Cando mo referino” e “Aos Mártires de Carral”. Este último apareceu no ferrolán El Correo Gallego, de 21 de maio de 1904, con ocasión da inauguración, ao día seguinte, do monumento aos “Mártires da liberdade / Mortos o 26 de abril de 1846”, promovido pola Liga Gallega e ubicado na vila de Carral. Di así: “Os traidores e infames, / Os tránsfugas e necios; / Aqueles que aplaudiron / O bárbaro decreto; / Os tímidos e imbéciles / E d’ánimo fraquento / Ao ver de longe a costa / Funesta de Paleo, / Con risas ou con bágoas, / Ignaros din: ‘Morreron’. // Mais unha voz sublime, / Que vence o tempo e o ferro, / Capaz d’erguer os mortos / Do seu repouso eterno, / Indignado contesta: / ‘Valerosos caíron, non morreron!’”. Da Revolução dos Cravos falarei a vindeira semana. 

Efemérides

Te puede interesar